Nesta fin de semana chega a terceira proba do Circuíto Trail Series 2024: o trail de San Isidro. Deste xeito, tralo seu paso por Porto do Son e Outes, no 26 de maio é a quenda da Pobra do Caramiñal, a partir das 10.00 horas. Ofrécense dúas distancias: de 21 e de 15 quilómetros, nos que haberá avituallamento. A maiores, emprenderase unha andaina de 14 quilómetros, dificultade media, con 400 metros positivos. Así o deron a coñecer o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido; a técnica municipal desta área, Ana Romero; e Eduardo Iglesias, en representación de Arousa NeO.
“O trail running é unha disciplina deportiva que cada vez gaña máis adeptos e adeptas ao unir actividade física e natureza, ademais de xerar comunidades de corredores e corredoras”, manifestou o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido. Ratificou, así mesmo, a firme aposta da Administración local polos deportes emerxentes e destacou que a orografia de San Isidro “é perfecta para este tipo de probas ao discorrer por terreos irregulares, inclinados e mesmo desafiantes.” Sobrido quixo tamén aproveita-la súa intervención para felicitar a Arousa NeO por enriquece-la vida deportiva non só da localidade, senón tamén a de tódolos municipios próximos.
Pola súa parte, Eduardo Iglesias declarou que se recupera o Trail San Isidro despois de varios anos sen facerse. “Relación distancia, desnivel e orografía do terreo, é probablemente unha das probas máis difíciles que hai agora no circuíto de carreiras populares de Galicia”, afirmou sobre o trail longo, con 1.600 metros positivos, mentres que no curto é de 750 metros. Ambas distancias compartirán itinerario nos 6 primeiros quilómetros e despois xa se desenvolverán por paraxes distintas.
Establécense dúas categorías: sacho (homes nacidos entre 1979 e 2006; e mulleres entre 1984 e 2006) e fousa (homes nacidos no 1978 ou antes; e mulleres do 1983 ou antes). A participación acada os/as 251 deportistas.
Farase entrega dos trofeos correspondentes coa carreira, ademais de ao ser a última proba, os do circuíto.