Thursday 21 de November de 2024

O servizo de estimulación terapéutica para o Alzheimer e outras demencias xa ten 14 usuarios de 15 posibles


• O alcalde, Valentín Calvín, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitaron este recentemente instaurado servizo, que se demostrou como todo un éxito.

• Calvín e Acevedo mantiveron unha reunión de traballo no que abordaron proxectos de colaboración presentes e futuros en Ortigueira.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitaron a semana pasada o Servizo Específico de Estimulación Terapéutica do Alzheimer e outras Demencias (SEETA), implantado polo goberno local a finais do mes de febreiro.

Esta nova prestación dos Servizos Sociais municipais demostrouse como todo un éxito, pois, nos poucos meses que leva en funcionamento, xa ten ocupadas 14 das 15 prazas dispoñibles.
O SEETA nace co propósito de mellorar a calidade de vida e promover a autonomía das persoas afectadas polas demencias, optimizando as súas capacidades residuais a través dunha atención especializada. O servizo inclúe información e orientación, pero tamén asistencia en actividades básicas e instrumentais da vida diaria, estimulación cognitiva, atención psicolóxica ou actividades de lecer e tempo libre.

O que o executivo local busca é que estas persoas poidan permanecer o maior tempo posible na súa contorna, e por iso tamén ofrece apoio asistencial ás persoas coidadoras, axudándoas a formarse para atender aos e as pacientes dunha mellor maneira.

Precisamente para lograr que os e as persoas con demencia póidanse quedar preto das súas familias, o servizo ofrécese no propio municipio, tendo o seu punto central no Centro Social de Ortigueira. A súa oferta é de luns a venres, cunha duración de tres horas cada día. Ademais, hai unha franxa horaria de 30 minutos na entrada e outra media hora na recollida, dentro dun horario de 10:00 a 14:00 horas.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, subliñou que “unha das prioridades do noso goberno é fortalecer o benestar dos veciños e veciñas do municipio”. “Debemos estar á beira da nosa xente, e por iso tratamos de brindar os mellores servizos ás persoas con demencia e aos seus familiares, que son os que se encargan dos coidados do día a día, nun traballo moitas veces non recoñecido pero que axuda ao benestar dos seus seres queridos”.

Reunión de traballo
Calvín e Acevedo mantiveron unha reunión de traballo para abordar presentes e futuras vías de colaboración entre o Concello de Ortigueira e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria. Ademais do SEETA, abordaron outros servizos que xa se están desenvolvendo no municipio, como, por exemplo, o Xantar na Casa, que garante unha alimentación de calidade e adaptada ás necesidades das persoas dependentes.