O proxecto estará valorado en 106.000 euros.
Comezou a execución do proxecto de mellora da estrada que comunica O Igrexario de Golmar e San Pantaión, na que é unha das vías vertebradoras das comunicacións nesa zona ao dirixir, a continuación, ás parroquias de Soutullo, Soandres e, finalmente, ao municipio veciño de Cerceda.
O alcalde José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, visitaron co director de obra o punto no que se iniciaron as primeiras actuacións, xunto ao cruce coa estrada DP-2404 (A Laracha-A Silva).
O tramo obxecto desta intervención, que é executada por Excavaciones y Obras Candal S.L., presenta unha lonxitude de 1.225 metros ao longo dos que será renovada a superficie de rodadura dos vehículos cunha capa de aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos a ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación.
A actuación está valorada en 106.000 euros. Dará continuidade ao proxecto recentemente executado, de similares características, e que afectara a outro tramo de 1.200 metros de lonxitude desa mesma estrada desde San Pantaión en dirección á Xesta, xa na parroquia de Soutullo.