O vicepresidente, Alfonso Rueda, asinou un Memorando para promover actuacións que contribúan ao progreso e á mellora da calidade de vida dos caboverdianos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a ministra de Turismo, Investimentos e Desenvolvemento Empresarial da República de Cabo Verde, Leonesa Fortes, asinaron un Memorando de Entendemento entre o Goberno galego e o caboverdiano, para establecer unha colaboración permanente en materias como pesca, turismo, medio ambiente ou educación, entre outras.
A sinatura deste memorando é parte dunha intensa axenda institucional do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, no arquipélago africano. Durante a súa visita, Rueda tamén mantivo encontros co presidente da República, Jorge Carlos Fonseca; o Primeiro Ministro, José María Neves; e a embaixadora de España en Cabo Verde, Caridad Junco Batalla.
A través do memorando asinado esta mañá promoveranse actuacións que, no marco da cooperación ao desenvolvemento, poidan contribuír ao progreso e á mellora da calidade de vida dos cidadáns de Cabo Verde, en especial, mediante o apoio á promoción do tecido económico e empresarial do país en diversos ámbitos.
Así, por exemplo, cooperarase no ámbito da pesca fomentando o establecemento dunha colaboración para o uso das infraestruturas pesqueiras e portuarias, valorando a man de obra caboverdiana e incluíndo a posibilidade de educación e formación profesional na área. Ademais, se continuará apoiando o traballo de cooperación en materia pesqueira e acuícola que vén desenvolvendo a Fundación Galega Centro Tecnolóxico do Mar.
No ámbito do turismo, ambos gobernos poderán establecer colaboracións conxuntas con vista á promoción da rama hostaleira do sector inmobiliario, favorecendo o intercambio de experiencias entre institucións de formación na área do Turismo e Xestión Hostaleira, nas que se inclúa a posibilidade de formación e capacitación técnico-profesional nese eido.
Para garantir o desenvolvemento sustentable e respecto ao Medio Ambiente, a cooperación bilateral irá encamiñada a impulsar as enerxías renovables no país africano, tendo en conta a experiencia galega, especialmente na implantación da enerxía eólica. E no eido educativo, impulsaranse intercambios en materia de educación superior e de formación profesional.
A sinatura deste Memorando recoñece o importante nivel cooperación entre a Xunta e a República de Cabo Verde ao longo dos últimos anos, así como o desexo de reforzar e profundar nos lazos que unen a ambos territorios, especialmente os vínculos coa lusofonía.
Así mesmo, recoñece o carácter estratéxico que para Galicia teñen as relacións económicas e sociais coas comunidades de lingua portuguesa, constituíndo un obxectivo estratéxico do Goberno galego.