Sunday 24 de November de 2024

A Xunta inviste 380.000 euros na construción da nova Escola Infantil de Ordes que contará con 61 prazas


⎯ O Goberno galego puxo á disposición dos concellos dúas convocatorias de axudas que permiten a creación de 900 novas prazas

⎯ Galicia continúa a ser a única Comunidade con atención educativa de 0-3 anos gratuíta durante oito horas ao día e once meses ao ano

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as obras da futura escola infantil municipal de Ordes que a Xunta de Galicia financia con 380.000 euros e que contará con 61 prazas gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Fabiola García, acompañada polo alcalde da localidade, José Luis Martínez Sanjurjo, supervisou o avance das actuacións que se están a realizando no futuro centro de educación infantil e que se espera que entre en funcionamento ao longo do próximo curso.

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou a importancia destes fondos para axudar aos Concellos de Galicia na posta en marcha de máis de 900 prazas de educación infantil por toda a Comunidade. De feito, a Xunta deu resposta ao 100% das solicitudes e un total de 27 concellos recibiron axuda.

Líderes na escolarización 0 a 3
Galicia continúa a ser a única Comunidade Autónoma co 100% das escolas infantís gratuítas durante oito horas ao día e durante once meses ao ano. Unha gratuidade que é posible gracias ao compromiso do Goberno galego con esta etapa e a un investimento de máis de 60 millóns de euros ao ano. A través desta medida, máis de 30.000 familias galegas aforran cada ano 3.000 euros na educación dos seus fillos e a nosa Comunidade conseguiu situarse como líder na taxa de escolarización de 0 a 3 anos en toda España.