A competición reuniu aos e as 200 mellores deportistas do mundo desta disciplina olímpica
Este sábado 18 de maio disputouse a XXXVII edición do Gran Premio Cantones de marcha, unha competición que contou coa participación dos e das 200 mellores marchistas do mundo. O Goberno de Inés Rey volveu a amosar o seu respaldo a un evento que está considerado como unha das mellores probas mundiais desta disciplina, como o certifican os seus numerosos recoñecementos por parte das federacións nacional e internacional.
Kazuki Yamanishi e Kimberly García foros os gañadores nas categorías masculina e feminina da proba de 20 quilómetros. Completaron o podio Álvaro Martín e Caso Bonfim; e Alegna González e Hong Liu. Na proba participaron atletas de 25 nacionalidades en categoría feminina e de 22 na masculina, ademais doutras 9 na categoría de 10 quilómetros, contando cun importante elenco mundial de marchadoras e marchadores de gran categoría. Nesta edición contouse coa presencia na proba feminina dun total de sete medallistas mundiais.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregar os trofeos aos e ás mellores clasificadas. O edil destacou a capacidade da cidade para acoller grandes probas deportivas coma esta, que contan co impulso do Goberno de Inés Rey.
Un referente desde 1987
O Gran Premio Cantones de marcha naceu en 1987 impulsado polo entón presidente da Federación Galega de Atletismo, Sergio Vázquez. Na súa primeira competición contou coa presenza de catro medallistas olímpicos e seis medallistas e un campión europeo. Desde entón foi medrando a súa popularidade ata converterse hoxe en día unha das probas referentes do circuíto mundial.
Foi no 2005 cando se creou o Race Walking Challenge e A Coruña é a única cidade presente en todas as edicións disputadas ata o momento. Na cidade estiveron marchadores dos cinco continentes en representación de ata 71 países distintos. O Gran Premio Cantones conta coa denominación Golden Level dentro do circuíto mundial, o que o acredita na máxima categoría da competición xunto a Philadelphia (EEUU), Dudince (Eslovaquia), Taicang (China), Dublín (Irlanda), Tokio (Xapón) Camberra (Australia) e Varsovia (Polonia).