Friday 22 de November de 2024

A IV Xuntanza de Maiores do Concello de Lousame reúne a máis de 250 participantes


Algo máis de 250 veciños e veciñas, maiores de sesenta anos, déronse cita na IV Xuntanza de Maiores do Concello de Lousame, que tivo lugar este venres no restaurante O Trapeiro. Un encontro que estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Economía, Esteban Ares, e o párroco de Noia, José Ortoño.

Villaverde Pais agradeceu a presenza de todos os maiores nun evento que busca “favorecer a comunicación entre os veciños e veciñas, especialmente aqueles con dificultades de mobilidade. Temos un concello moi disperso e hai xente de Camboño que non ve nunca aos de Fruíme e esta é a forma de que teñan un día de convivencia”. Así mesmo, agradeceu a visita da conselleira, quen non puido quedar ao xantar.

Fabiola García destacou que este tipo de celebracións son “un momento para que os veciños e veciñas de todas as parroquias se xunten, desfruten, charlen, compartan experiencias e despois bailen”. Así mesmo, trasladou aos presentes un saúdo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu compromiso “de poñer en marcha máis medidas destinadas a todas as persoas maiores, tamén neste concello de Lousame. Seguir apostando por uns servizos de calidade para todas as persoas dependentes e tamén darlle máis facilidades a todas as persoas que, cando chegan á xubilación, están fortes, sans e con gañas de facer actividades e de viaxar. Seguro que moitos tendes ese Carné +65 que ten ese transporte gratuíto para maiores de 65 anos e que seguiremos enchendo de contido con programas de balnearios, con programas de viaxes en Galicia, en España e en Europa e para aqueles que tendes familia na emigración, para que poidades ir a velos máis aló do charco”.