Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame inaugura unha mostra sobre a vida e obra de Zernadas de Castro


Medio cento de persoas asistiron á tradicional ofrenda floral ante o busto do escritor no adro da igrexa de Fruíme

O Concello de Lousame aproveitou a tradicional ofrenda floral a Diego Antonio Zernadas de Castro para inaugurar unha exposición sobre a súa vida e obra coa que volve reivindicar que se dedique un Día das Letras Galegas ao cura de Fruíme. Medio cento de persoas acompañaron esta mañá á concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, durante os actos conmemorativos que tiveron lugar este mediodía no adro da Igrexa de Fruíme.

Uns actos, organizados polo Concello de Lousame e a Asociación de Veciños Cernadas de Castro de Fruíme, que comezaron cunha serie de obradoiros culturais para os nenos e nenas da parroquia. A iso das 13:00 horas, unha ducia de nenos e nenas deron lectura dunha serie de poemas e dous deles protagonizaron a ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro. Un acto no que rematou cunha actuación musical da Asociación Cultural O Son do Pote, cun anaquiño de rosca cortesía da AAVV Cernadas de Castro.

A exposición consta dunha serie de paneis informativos que reivindican a figura de Diego Antonio Zernadas de Castro (1702-1777) como “o primeiro precursor do galeguismo”, como defendeu Silvia Agrafojo, quen lembrou que “en plenos Séculos Escuros, a duras penas cóntanse cos dedos dunha man os sabios ilustrados de calquera campo que floreceron no noso pais: Frei Martín Sarmiento, o Pai Feijóo, Zernadas, José Cornide e pouco máis”.

Exposición

De feito, na exposición lémbrase que Zernadas foi un precursor do Galeguismo porque a defensa de Galicia palpita con paixón en boa parte dos seus escritos, tanto en prosa como en verso, nos que ademais de describir con amor e realismo a situación da Galicia do seu tempo, sae en defensa da súa terra contra os prexuízos, malentendidos e erros que adoitaban ter as persoas e colectivos daquela época, especialmente na Corte Española.

A mostra salienta que Zernadas foi un namorado orgulloso da súa terra, defensor sen concesión da súa cultura ultraxada un século antes de Murguía, Rosalía, Pondal ou Curros. E todo iso dende unha aldea afastada na que non descoidou a atención aos seus fregueses, a quen non so axudaba desde o púlpito ou o confesionario, senón tamén suando na leira, pois el foi quen introduciu o cultivo do millo en Fruíme e ensinou aos seus habitantes a cultivalo.