∙ Un total de 315 expedientes obtiveron o reparo da Intervención Municipal, o órgano fiscalizador da xestión económica, financeira e orzamentaria do Concello.
∙ A principal razón destes reparos é a falta de requisitos ou trámites esenciais para que os expedientes de gasto cumpran coa legalidade vixente.
O informe anual realizado pola Intervención Municipal do concello de Culleredo sobre os reparos suspensivos de intervención durante o 2023, lanza uns datos máis que preocupantes.
A portavoz dos populares de Culleredo, Izaskun García, declara a súa “indignación polo elevado número de reparos suspensivos debido ás múltiples irregularidades cometidas polo goberno municipal en diversas materias, entre as que destacan contratación pública de servizos e obras, subvencións, partidas relacionadas con persoal e mesmo reclamacións patrimoniais contra o Concello”.
“Isto o que vén confirmar é a maneira arbitraria e opaca coa que o alcalde adxudica moitos dos contratos; a falta de transparencia que supón o abuso dos contratos menores para favorecer sempre aos mesmos fai que os verdadeiros prexudicados sexan os veciños porque non se busca o ben común”, acusa a portavoz popular.
Aos máis de 300 expedientes que, segundo a interventora municipal, carecen dos requisitos ou trámites necesarios para cumprir coa legalidade, súmanselle outros 13, para os cales non existía suficiente crédito orzamentario ou era manifestamente inadecuado. “O que supón unha práctica moi grave por parte do goberno do alcalde José Ramón Rioboo, unha máis”, recalca García.
O importe global de expedientes de gasto con reparo suspensivo supera os 12,2 millóns de euros, que representan case un 47% do total de obrigacións reflectidas na liquidación do orzamento do exercicio 2023, segundo avance da conta facilitada polo Concello en datas recentes.
“Un incremento substancial respecto do exercicio anterior de máis do 30%, fiel reflexo da situación que vive Culleredo desde fai xa demasiados anos e que vimos denunciando desde o Partido Popular. Un goberno que non quere nin ten a máis mínima vontade de xestionar eficientemente os fondos que os cidadáns lles han confiado. Unha incapacidade e deixamento que se pon de manifesto en cada acto administrativo, en cada servizo público, en cada recuncho de Culleredo”, sentencia a líder popular.