• Participan as corais de Ortigueira, Noia e Cariño
• O evento, organizado pola Coral Polifónica de Cariño, empeza ás 19:30 horas
• É a evolución do antigo Festival do Mariñeiro, que conta con décadas de historia
O auditorio municipal de Cariño acolle este sábado, 25 de maio, a sexta edición do Festival do Mar, que reunirá ás corais polifónicas de Ortigueira, Noia e Cariño.
Esta última é a organizadora do evento, que será gratuíto para os socios da coral e terá un custo de tres euros para o resto de persoas asistentes.
Durante o evento, o auditorio contará cunha exposición de dispositivos de pesca antigos, con máis de 40 anos de historia e realizaranse diferentes sorteos.
Este festival nace como a evolución do antigo Festival do Mariñeiro, que cada ano homenaxeaba á xente do mar elixindo a unha persoa relacionada con ese ámbito, ben fosen mariñeiros que se xubilaban ou outro tipo de cargos vinculados ao propio mar, co obxectivo de poñer en valor as profesións deste sector.
Segundo indica a alcaldesa, Ana María López, “este Festival do Mar representa á perfección a tradición do noso pobo, seguindo a evolución desde o antigo Festival do Mariñeiro, mantendo presente o noso vínculo co mar”.
Desde o Concello de Cariño animan a todo o mundo, veciños e visitantes, a achegarse este sábado ata o auditorio municipal e gozar deste festival de corais.