Friday 22 de November de 2024

Acto solidario con Palestina na Fábrica


A Fábrica acolleu un acto solidiario co pobo Palestino para denunciar o cruento xenocidio contra a poboación que ocupa a denominada Franxa de Gaza. Unha gran xaula humana de 365 km2 na que 2 millóns de persoas, bloqueadas por terra, mar e aire desde hai décadas, están a ser borradas do mapa sen tan se quera posibilidade de fuxida, con todos os pasos fronteirizos pechados.

 

O acto contou coas intervencións da activista palestina Sahar Shatat; Xulia Mirón de BDS A Coruña; o alcalde Ángel García Seoane; e o cantautor Paris Joel.

 

Desde outubro, un dos exércitos mellor equipados do mundo ataca de maneira indiscriminada hospitais, escolas, edificios residenciais, campamentos de refuxiados, destacamentos de ONG… É un exterminio de persoas sen filtros de ningún tipo, no que os nenos e nenas están a sufrir a peor parte. A crueldade do Goberno israelí é tal que non permiten a entrada nin de alimentos nin de medicamentos para matar de fame e de enfermidades aos que non caen a bombazos.

 

Esta horripilante invasión militar está a contar co beneplácito da O.N.U. e da maioría dos Gobernos democráticos de Occidente, que apoian ao Estado de Israel. Os líderes políticos e diplomáticos mundiais levan meses exercendo de títeres e lacaios dos amos do mundo. Só agora, cando a devastación xa é total e se albisca a fin dos ataques israelís, empezan a escoitarse tímidas denuncias por parte dalgúns  dirixentes. Intentan limpar conciencias e currículums, sabedores de que a historia non os absolverá.

 

O certo é que as febles condenas de tan deleznables feitos chegan tarde, moi tarde, para os milleiros de asesinados e feridos, así como para os que o perderon todo -co pouco que xa tiñan-. Aínda que o intenten ocultar, os autoproclamados defensores da democracia e dos dereitos humanos no mundo fixeron caixa vendendo inxentes cantidades de armas que causaron a morte e a destrución total de Gaza.

 

O Goberno corrupto de Netanyahu leva meses asasinando impunemente, pero para Israel non se decretan bloqueos económicos nin comerciais, cos que os países occidentais si castigan á poboación de Estados con gobernos non afíns. A axuda humanitaria prestada á poboación de Gaza foi ridícula e non houbo nin o máis mínimo intento de prestar o apoio militar que precisaban os 2 millóns de palestinos para defenderse da masacre.