Saturday 16 de November de 2024

Galicia conta con máis de 3.200 empresas do hipersector TIC, un 1,6% máis que o ano anterior


Está integrado nun 72,6% por empresas do sector tecnolóxico e nun 27,4% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais

O hipersector TIC galego concentra un total de 3.211 empresas e dá emprego a máis 19.500 persoas, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade en volume de empresas desta área. Son as cifras que sinala o segundo estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O número de empresas do hipersector TIC galego experimentou un crecemento do 1,6%, e está composto nun 72,6% por empresas do sector tecnolóxico e nun 27,4% por empresas do sector de contidos e servizos audiovisuais. As actividades de programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática son as que aportan un maior número de entidades ao subsector TIC (1.384 empresas), o que representa un 43,1% no conxunto do Hipersector TIC, mentres que as edicións de libros, xornais e outras actividades editoriais son as máis numerosas do subsector Contidos e representan o 12% do conxunto do Hipersector TIC.

A estrutura empresarial do hipersector caracterízase pola presenza maioritaria de microempresas, así o 93,6% son empresas con menos de 10 empregados.

Achega ao PIB galego e exportacións
Outra das contribucións do hipersector TIC de Galicia é o seu peso sobre o PIB galego, que se mantén ao redor do 2,3%, porcentaxe que se distribúe entre o 1,9% que representa o sector TIC e o 0,4% do sector Contidos.

O volume de exportacións de bens do hipersector TIC superou os 57 millóns de euros no ano 2014. Cabe salientar o potencial do comercio exterior correspondente ao sector contidos galego, que presenta unha balanza comercial positiva.

Non obstante, o 95,1% das exportacións corresponden ao subsector TIC e están centradas fundamentalmente en equipos de telecomunicacións.

Galicia, sexta Comunidade Autónoma con maior número de traballadores en I+D
O estudo aborda tamén a innovación tecnolóxica na totalidade do tecido empresarial galego. Un total de 1.066 empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron actividade innovadora no ano 2013. Analizando un período máis amplo (anos 2011 – 2013), o número de empresas ascende a 2.064, o que representa un 26,6% de empresas deste segmento empresarial. A nivel estatal, Galicia ocupa a sexta posición no ranking de empresas innovadoras no ano 2013.

Especificamente no hipersector TIC galego, preto de 100 empresas realizaron innovacións tecnolóxicas no período 2011-2013, un 25,3% máis que no período 2010-2012. O investimento en I+D no 2013 por parte das empresas galegas ascende a máis de 468 millóns de euros. Supón o 3,6% do total estatal, aínda que se reduciu lixeiramente dende os 487 millóns de euros do período anterior.

Galicia emprega a 9.385 traballadores adicados a I+D a xornada completa, o 4,6% do total de traballadores do Estado que se adican a I+D, sendo a sexta Comunidade Autónoma con maior número de empregados en I+D a xornada completa.

Patentes e marcas
No ano 2014 rexistráronse no hipersector TIC galego 27 patentes e 4 modelos de utilidade. Tras un lixeiro descenso das patentes concedidas no ano 2013, as concesións de patentes increméntanse no ano 2014 e recuperando a tendencia alcista experimentada en anos anteriores. Respecto das marcas, entre os anos 2010 e 2014 rexistráronse en Galicia 653 marcas e 73 nomes comerciais relacionadas co hipersector TIC

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org