O Concello entregará na xornada unha nova remesa de composteiros, que a veciñanza aínda pode solicitar
O Concello de Neda organiza o próximo martes, 28 de maio, en colaboración con Sogama, unha charla sobre compostaxe doméstica na pista polideportiva do Roxal. A sesión informativa, que arrincará ás 19.30 horas, aproveitarase para facer entrega dos novos composteiros que se teñan solicitado á administración local.
Na charla, aberta ao conxunto da veciñanza, persoal experto en educación ambiental dará nocións básicas sobre a xestión domiciliaria dos biorresiduos, así como das vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe. Esta práctica contribúe a reducir a produción de residuos orgánicos en orixe, propiciando a súa transformación nun abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Ademais, cun enfoque eminentemente práctico, no encontro explicarase aos participantes cuestións fundamentais como os distintos materiais que se poden utilizar na elaboración do compost (fundamentalmente residuos da cociña e da horta), como debe realizarse a mestura, ou onde situar o composteiro para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.
Reparto de composteiros
Tal e como se apuntaba, o Concello de Neda entregará no transcurso da xornada compostadores a aquelas familias da localidade que manifesten a súa vontade de incorporarse ao programa municipal de compostaxe. Ata o propio martes os residentes que dispoñan dunha casa con horta ou xardín, poderán reservar o seu na Casa Consistorial ou ben chamando ao teléfono 981380039 en horario de mañá.
Con esta aposta medioambiental a administración local dá un pequeno para avanzar nunha xestión máis sostible dos residuos e na promoción da economía circular.