O campus lingüístico de verán que organiza a Concellería de Cultura no mes de xullo non poderá realizarse nas instalacións do colexio Centieiras de Perlío, como figura na ficha de preinscrición e se anunciou inicialmente. A execución este verán dunha serie de obras de reforma que afectarán a aulas e espazos compartidos que empregaban en anos anteriores os/as nenos/as do Verán Máis Alá!, obrigaron ao Goberno Municipal de Fene a buscar un espazo alternativo, optando finalmente polo CPI A Xunqueira. O cambio de ubicación do campamento implicará tamén algún cambio nas actividades ofertadas como a sustitución das sesións na piscina municipal de Centieiras por xogos e actividades deportivas no pavillón da Xunqueira.
Verán Máis Alá! é un programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2012 e 2020 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo dividido en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. E haberá dúas modalidades: Bos días!, con entrada entre as 08.00 e as 10.00 h. e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas; e Máis alá!, con entrada ás 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas.
A matrícula provisional realizarase a partir do 3 de xuño e, á hora de inscribirse, terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (con anterioridade ao 2 de maio de 2024) sobre os que estudan no termo municipal. Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2023/2024 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.
A matrícula provisional poderá realizarse por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do día 3 de xuño ata ás 23.00 horas do 4 de xuño de 2024. Ou de maneira presencial, no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) do 5 ao 7 de xuño. Para acollerse a esta modalidade haberá que solicitar cita previa os días 29, 30 e 31 de maio de 2024, en horario de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 981 340 366.
As prazas adxudícaranse mediante baremo atendendo ás circunstancias familiares e laborais das persoas solicitantes. E o custe da actividade ascenderá, para todo o mes, a 68,15€/participante (36,70 € para o segundo membro da unidade familiar) e, por quincena, a 34,08 €/participante (18,35 € para o 2º membro da unidade familiar). En casos de situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade. As persoas interesadas en acollerse a este suposto, deberán solicitalo mediante escrito polo rexistro xeral do Concello de Fene, pero deberán formalizar igualmente a matrícula e o pagamento da cota nos prazos fixados.
Máis información, no Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta., Fene) ou no teléfono 981 340 366.