A actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos e terá lugar o 25 e 26 de maio
O Concello da Coruña organiza no Aquarium Finisterrae un taller para aprender a debuxar tiburóns con motivo do aniversario da entrada do tiburón touro Gastón ao Nautilus, o 24 de maio de 2006. Esta actividade, enmarcada nos actos de celebración do 25 aniversario do Aquarium Finisterrae organizados polo Goberno de Inés Rey, realizarase o sábado 25 e o domingo 26 de maio, en horario de 12.00 a 13.30 horas.
Para participar hai que adquirir a entrada previamente, abonando a tarifa que corresponda a cada menor, que deberá ir acompañado dunha persoa adulta (esta terá acceso gratuíto). Ofrécense un total de 15 prazas cada día e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. A adquisición de entradas poderase facer nesta ligazón para partir do mércores 22 de maio: https://ticketing.coruna.gal/mc2/dibujartiburones/
O taller será impartido por Blanca Orro Toral, artista coruñesa autora da pintura dunha quenlla branca de 2×1,5 metros que está instalada no acceso á sala Nautilus do Aquarium Finisterrae.
Gastón, o tiburón touro do Aquarium Finisterrae.
O 24 de maio de 2006 o tanque da sala Nautilus incorporou unha nova especie, un exemplar de tiburón touro que chegara tres meses antes procedente do acuario de Brest, na Bretaña francesa. No Aquarium Finisterrae púxoselle o nome de Gastón. Medía entón 3 metros de lonxitude e pesaba 120 quilos.
Gastón naceu en 1996 nas frías augas da costa surafricana e cando foi capturado tiña 3 anos de idade, medía 180 centímetros de lonxitude e pesaba 50 quilos. Así chegou ao Oceanópolis, o acuario de Brest, onde viviu varios anos en compañía doutros exemplares da súa mesma especie, ata que a convivencia volveuse moi difícil, xa que se pelexaban frecuentemente, chegando mesmo a causarse feridas e cortes na pel. Foi entón cando os seus coidadores decidiron que había que trasladalo, chegando entón á Coruña.
Tras chegar ao Aquarium Finisterrae permaneceu en corentena durante varias semanas, adaptándose á temperatura das augas atlánticas, pois viña dun tanque tropical, e manténdoo nun ambiente de tranquilidade sen ruídos nin presenza de moita xente ao redor. Tras un tempo, Gastón comezou a comer con normalidade e chegou a engordar 20 quilos, sinal de que o proceso de adaptación transcorrera con éxito, polo que puido incorporarse ao tanque da sala Nautilus, onde vive desde entón en compañía doutras especies de tiburóns, como musolas, cazones, pintarrojas e alitanes.