Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño tramita as solicitudes do pagamento único por nenos e nenas menores de 3 anos


O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica para familias con nenos e nenas menores de tres anos. Trátase dunha contía única á que poderán acollerse familias que non teñan a obriga de facer declaración da renda no período en que nacesen as criaturas, é dicir, entre o 2 de xaneiro de 2013 e o 1 de xaneiro deste ano. Serán 360 euros se se trata da primeira filla ou fillo, 1.200 cando sexa a segunda crianza e 2.400 se se trata do terceiro nacemento ou sucesivos. O prazo para presentar a solicitude remata o 7 de marzo, un trámite que se pode facer na delegación da Xunta, a través de Internet ou no Concello onde, ademais, nos facilitarán información ao respecto da convocatoria.

As persoas beneficiarias serán aquelas con fillas ou fillos menores de tres anos a día 1 de xaneiro de 2016, pero tamén familias con criaturas desa mesma idade que iniciasen un acollemento ou que adoptasen durante o 2015. Ademais tamén poden solicitar a axuda as persoas que quedasen sen ela na anterior convocatoria por razóns de insuficiencia orzamentaria. En supostos de nulidade, separación ou divorcio, será beneficiaria a persoa que teña a custodia.

Á parte da idade dos nenos e nenas, o principal requisito é o de que ningunha persoa da unidade familiar fixese a declaración da renda do exercicio 2014. É dicir, non abonda con que non se tivese a obriga de declarar, senón que ademais tampouco se debeu ter presentado a declaración de forma voluntaria. Outros requisitos que figuran nas bases son que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia e que na data de solicitude os nenos ou nenas convivan con quen pide a axuda.

Contía da axuda
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria, aínda que si é compatible, por exemplo, coas axudas municipais para nenos e nenas da escola infantil. A contía que concede a Xunta será a seguinte:

Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

A solicitude e anexos -ás que se pode acceder nas ligazóns ao pé desta nova- deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a.- Fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

b.- Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.

c.- Copia da sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se é o caso.

d.- No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e.- Nos supostos de adopción ou acollemento, copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare (só no suposto de que a formalización se realizase noutra comunidade autónoma).

f.-Autorización do cónxuxe ou parella para obter da AEAT e da Consellería de Facenda os seus datos de carácter tributario.(anexo II)

g.-Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

h.- Copia do DNI ou NIE da persoa cónxuxe ou parella que non apareza como solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

A solicitude do pagamento único pode presentarse na delegación da Xunta en Ferrol, a través de Internet ou a través do Portelo Único do Concello, incluso se pode acudir ao departamento de Servizos Sociais para que alí nos axuden co papeleo e coa presentación. Hai máis información chamando ao 981 490 027 ext.1 ou chamando ao teléfono 012 da Xunta de Galicia (premer no teléfono o 6 tan pronto descolguen para que a centraliña nos pase cun teleoperador ou teleoperadora). O prazo remata o 7 de marzo.