A Policía Local emitiu un informe no que se determina que o estado actual permite a circulación en condicións de seguridade.
O Concello informa da reapertura das pistas forestais da parroquia de Montemaior (próximas aos núcleos de A Fieira, A Casanova, Balvís, O Penedo e As Nocellas) que quedaran intransitables a principios de abril tralos danos provocados pola empresa madeirista que realizou talas nesa zona.
Tralo requirimento do Concello para proceder a reparar os danos ocasionados, coa correspondente incautación do aval e a apertura do expediente sancionador á empresa responsable dos feitos, nas últimas semanas realizáronse os traballos oportunos nunha distancia lineal duns 3.000 metros.
A Policía Local emitiu un informe no que se determina o estado actual das pistas forestais afectadas, explicando que presentan un firme compactado e as cunetas limpas, polo que permiten a circulación de vehículos en condicións de seguridade.
O Concello está a levar a cabo medidas similares por danos causados na rede viaria noutras parroquias do municipio, aínda que neses casos o deterioro fora de menor entidade e sen necesidade de prohibir o tránsito.
Co propósito de minimizar os danos que no futuro poidan ocasionar na rede viaria as empresas dedicadas á xestión forestal, o goberno local xa iniciou os trámites para modificar a ordenanza reguladora da actividade de corta, depósito, carga e transporte da madeira de tala.