Saturday 16 de November de 2024

O alumnado do CPI Cruz do Sar expón a súa visión de Bergondo a través da mirada de Xoán Vicente Viqueira


· Os nenos e nenas expuxeron e leron as creacións realizadas durante os talleres impartidos pola artista bergondesa Dores Tembrás.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria e Secundaria do CPI Cruz do Sar de Bergondo puxeron onte o broche de ouro aos talleres de creación artística que se estaban desenvolvendo no centro desde o pasado mes de abril. Esta iniciativa, enmarcada dentro dos actos de conmemoración do ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’, tiña como obxectivo principal que os e as mozas mergullásense no universo de Viqueira e aprendesen de creación literaria da man da súa veciña e tamén escritora Dores Tembrás.

No acto de peche destes talleres, celebrado onte nas instalacións do centro e ao que asistiron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a concelleira Educación, Cultura e Deporte, Patricia Vázquez, tanto o alumnado de primaria como o de secundaria expuxeron as súas creacións aos seus compañeiros e compañeiras.

No caso do alumnado de secundaria, cada estudante elaborou un texto sobre a noite bergondesa, tal e como fixo Viqueira no poema ‘De Miguel Ángel’. Así, entre todos crearon un caleidoscopio da noite de Bergondo, profundando, de paso, na vida do escritor homenaxeado polo Concello este 2024.

Os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria crearon, a partir dos seus proxectos individuais, o ‘Calendario Viqueira’, no que as distintas parroquias e lugares configuran as catro estaciones a través da poesía.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, felicitou a todos e todas as mozas polas súas “excelentes creacións, que axudan a levar a figura de Viqueira máis aló do noso concello e que poñen en valor a un dos nosos veciños máis ilustres”. Ademais, animoulles a continuar coa creación literaria, “pois quen sabe, igual algún ou algunha de vós é o próximo Xoán Vicente Viqueira”.

A rexedora agradeceu o “incansable traballo doutra das nosas veciñas ilustres, Dores Tembrás, que guiou a estes nenos e nenas a través do universo de Viqueira para lograr este brillante resultado”.

Ademais, desde o centro quixeron recoñecer o traballo da escritora, polo que lle fixeron un obsequio floral e unha cunca do centro.

Ano de Xoán Vicente Viqueira

O Concello de Bergondo quere poñer en valor aos seus veciños máis ilustres e, por iso, dedicou este 2024 a Viqueira. Pero a iniciativa estenderase durante os próximos dous anos, dedicando a Florencio Vaamonde Lores o 2025 e a Filomena Dato Muruais o 2026.

O obxectivo é poñer en valor a estes autores e autoras, difundindo a súa obra e legado mediante actos e actividades, implicando á comunidade educativa do municipio e asociacións culturais que estean interesadas en participar nestas homenaxes.