Friday 22 de November de 2024

O Museo Valle-Inclán pobrense conmemora o Día Internacional dos Museos con visitas comentadas e exhibición de orixinais únicos


No 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos e, por tal efeméride, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ofrece unha acción especial.

Esta data celébrase dende 1977 a proposta do Consello Internacional de Museos (ICOM) para achega-las institucións museísticas ao conxunto da sociedade. O dito organismo propón como temática a seguir para este 2024 os “Museos pola educación e a investigación”.

Por iso, o Museo Valle-Inclán pobrense amosará ao público algúns dos documentos máis importantes da colección de manuscritos da que dispón nos seus fondos; testemuñas publicadas en estudos académicos e científicos do ámbito nacional e internacional. Farase durante as visitas comentadas impartidas pola dirección do centro no horario de mañá e de tarde: ás 11.30 e 17.30 horas. Exhibiranse as cartas orixinais de Ramón del Valle-Inclán remitidas a Manuel Azaña, con opinións íntimas sobre asuntos como a literatura, a política e a amizade que os unía. Trátase dunha documentación de gran interese; cartas orixinais entre o universal escritor galego e o que foi presidente da II República española, que se conservan no Archivo Histórico Nacional e no Museo Valle-Inclán.

A actividade é de balde e non require inscrición previa.