O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita este centro da Universidade da Coruña centrado na biomedicina, a nanociencia e a alimentación
A Xunta de Galicia vai inxectar preto de 2M€ no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, CICA, da Universidade da Coruña, tras a súa incorporación á Rede de Investigación de Excelencia de Galicia, que aglutina os axentes investigadores máis punteiros que operan nas universidades galegas.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou esta mañá o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está liderando así como para explicar o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional enfocado a blindar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027.
Nesta aposta estratéxica por seguir impulsado a investigación científica de calidade como piar de desenvolvemento socioeconómico, o Goberno galego vén de incrementar un 31%, ata acadar os 23,6M€, o orzamento destinado á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que agora incorporar cinco novos centros á mesma, dous na máxima categoría, como é o caso do CICA, e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.
Ese apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores autonomías do Estado en apoio á actividade investigadora. De feito, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, é dicir, para as etapas predoutral e posdoutoral, e cun programa de retención de talento.
Biomedicina, nanociencia e alimentación
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, CICA, iniciou o seu funcionamento en 2015 na Universidade da Coruña tras concentrar unha serie de grupos de investigación de química e bioloxía en expansión naquel momento e comprometidos coa transferencia de coñecemento e innovación á sociedade.
Na actualidade conta con 94 investigadores adscritos que centran a súa axenda científica nos eidos da biomedicina, a nanociencia e a alimentación. No primeiro dos campos, as súas liñas de investigación prioritarias céntranse en traducir os resultados da investigación básica en aplicacións médicas para a neurociencia, as enfermidades infecciosas e crónicas, a medicina rexenerativa e o envellecemento.
Na área da nanociencia e materiais avanzados, os científicos ocúpanse do deseño, preparación e caracterización de compostos, a súa avaliación biolóxica para ser utilizadas no estudo de procesos biolóxicos e o desenvolvemento de ferramentas biomédicas, ou ben para abordar novos retos industriais.
Os grupos de traballo da área da alimentación, contaminación e saúde estudan a incidencia da contaminación, a xestión da auga, o cambio climático e a alimentación na saúde humana, entre outros.