O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participa hoxe no acto académico da USC e mañá, 17 de maio, na axenda institucional da cidade herculina cunha exposición ao redor da autora e cun acto aberto á cidadanía
A Xunta centrará mañá, 17 de maio, os actos principais de celebración do Día das Letras Galegas na Coruña, cidade natal da homenaxeada Luísa Villalta, coa inauguración dunha exposición na Casa do Concello, na se que repasa a traxectoria literaria e vital da escritora, e cun grande acto institucional no Teatro Colón aberto á toda cidadanía.
No entanto, cómpre destacar a importante implicación, no que levamos de mes, das diferentes institucións e da cidadanía galegas na conmemoración das nosas Letras e na que se está a por en valor a figura poliédrica de Luísa Villalta; poeta, ensaísta, dramaturga, música e docente. Esta celebración colectiva intensificouse nestes últimos días con concertos, obras teatrais para todos os públicos e diferentes concursos escolares.
No marco desta programación, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe ao acto académico da Universidade de Santiago de Compostela en honra da escritora coruñesa, no se presentou o libro Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta e se pronunciou a conferencia As feridas no ar. Sobre a figura poliédrica de Luísa Villalta, a cargo de María Xesús Nogueira Pereira, profesora do departamento de Literatura galega, e de Montserrat Pena Presas, docente do Departamento de Didácticas Aplicadas da Facultade de Ciencias da Educación.
Actos institucionais dos 17 de maio na cidade da homenaxeada
A Coruña será o epicentro da celebración mañá do Día das Letras Galegas, por ser a cidade berce da homenaxeada e estar moi presente na súa obra. Un dos actos institucionais principais, ademais do pleno extraordinario de la Real Academia Galega, é a inauguración na Casa do Concello da exposición A música das palabras, que a Xunta realiza en colaboración coa editorial Galaxia, na que se repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora.
Nela percórrese a súa ruta vital, co fin de axudar a comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia. O proxecto componse de 14 paneis compostos por textos, concisos e divulgativos, e cunha ampla información visual. O obxectivo é reflectir a súa traxectoria vital, intelectual e profesional, con dous deles especialmente referido á súa relación coa Coruña, a súa ‘Cidade Alta’, con versos dos seus poemarios e fotografías de Xurxo Lobato.
Tras a inauguración será o momento do grande acto institucional aberto ao público que se celebrará ás 11,00 horas no Teatro Colón da Coruña e contará coa participación e intervención dos máximos representantes do Goberno galego, da Real Academia Galega e do Concello da Coruña, ademais de que tamén intervirá nesta cerimonia un membro da familia de Luísa Villalta. Sumaranse a esta celebración —aberta á sociedade e que contará con diferentes actuacións musicais— autoridades e membros de colectivos e asociacións e entidades vencelladas aos eidos culturais e socieconómicos de Galicia.