A Asociación das Carrozas do San Cidre recompilou distintos momentos dos 50 anos de historia desta festa nun documental que será presentado na Casa da Cultura, ás 19:00 horas,
A 50 edición das Carrozas do San Cidre terá lugar o domingo 19 de maio, co desfile de oito carrozas por Oural-Camporrapado
A Casa da Cultura de Camporrapado (Boqueixón) acollerá mañá venres 17 de maio, ás 19:00 horas, a presentación do documental “As carrozas do San Cidre: costumes, agro e tradición”. Un traballo audiovisual que é o resultado dunha importante labor de recompilación de momentos, anécdotas e recordos desta celebración recollidos pola Asociación das Carrozas do San Cidre, dende a que agradecen “a participación e entrega de toda a parroquia neste proxecto, sen eles isto non sería posible”.
A festa das Carrozas do San Cidre boqueixonés é a primeira celebración de exaltación dos labores do campo da que se ten constancia na comarca de Compostela, con máis de medio século de traballo ás súas costas e que conta coa implicación de todos os veciños e veciñas da parroquia. Un punto que salienta o alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, quen tras visitar as distintas carrozas que desfilarán este domingo salientou “o espectacular traballo que fan os homes e as mulleres da parroquia de Oural”, así como o labor da Asociación das Carrozas do San Cidre na procura do seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Coa presentación deste documental comezan tres días de festa na parroquia de Oural que rematarán o domingo 19 coa celebración da 50 edición das Carrozas do San Cidre. Ese mesmo día a Concelleira de Medio Rural, María José Gómez, asistirá ao pregón, presentado polo actor Fran Cañotas, e acompañará ao alcalde Ovidio Rodeiro no desfile. Antes, o propio venres 17 de maio terá lugar unha misa na honra da Nosa Señora da Fátima, ás 22:00 horas, con procesión acompañada polo grupo local Son de Gaita. Ángel América e Punto Zero encargaranse da verbena. O sábado 18 de maio, a misa na honra á Nosa Señora do Rosario terá lugar ás 13:00 horas, con verbena a partir das 23:00 horas coa orquestra Compostela e Discomóvil Chocolate.
Desfile das Carrozas, con novidades
O domingo 19 de maio, a festa comezará a partir das 11:00 horas coa exposición das oito carrozas elaboradas este ano, todas elas co agro e a tradición como protagonistas, acompañadas pola música da Charanga BB+ e o grupo Son de Gaita. O desfile polas rúas do Oural sairá ás 12:00 horas, cunha novidade nestas vodas de ouro: unha mostra de tractores antigos pertencentes ao Museo do Campo e Mecanización de Silleda. Uns tractores que participarán no desfile xunto coas carrozas ata o campo da festa, onde poderán visitarse durante toda a xornada.
Ás 13:00 horas terá lugar a actuación de “Cantigas e agarimos”, que ofrecerá un repertorio de pezas de danza galegas e que está enmarcada dentro da edición número doce de “Danza 3”, promovido pola Xunta de Galicia para difundir a música e o baile tradicional. Unha hora despois, ás 14:00 horas, pregón a cargo de Fran Cañotas, xornalista, actor e presentador da TVG, que dará paso a unha degustación de petiscos e viño da zona en cada unha das oito carrozas baixo a música da Charanga BB+ e Tania Veiras. Pola tarde, verbena coa Orquestra Olympus a partir das 18:00 horas.