Friday 22 de November de 2024

As concellerías de Servizos Sociais Comunitarios e Educación organizan unha saída cultural a Oporto para persoas pensionistas e xubiladas de Ribeira


No día de hoxe un autobús sae para Oporto con 50 persoas participantes nos obradoiros do Programa de dinamización e promoción social para maiores de Ribeira. O avellentamento activo é un dos puntos de interese fundamentais para o Concello de Ribeira, con esta finalidade promóvense ao longo do ano talleres e programas de formación continua, deporte… ou a exitosa implantación do IV Ciclo da USC Sede Ribeira.

Neste marco a participación no Plan de Mobilidade do Centro Dramático Galego, o teatro de Galicia, coordinado desde o Servizo de Normalización Lingüística, é un continuo para as persoas maiores, posto que sempre se reserva un espazo para este colectivo nas saídas a Santiago para ver as novas producións do CDG.

Como bos afeccionados e afeccionadas ao teatro e ás viaxes culturais o vindeiro 16 de maio este colectivo participará na conmemoración internacional do 40 aniversario do Centro Dramático Galego asistindo en Oporto, no Teatro Nacional São João, á representación da obra “Manuela Rey is in da house”.