Friday 22 de November de 2024

Unanimidade do Pleno Municipal de Oroso para esixir a Fomento a que remate as obras do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro


O alcalde lamentou as mentiras do PP, que dixo que as obras seguían o seu curso, e o voceiro popular culpou á delegada de Fomento en Galicia de non dicirlle a verdade

O Pleno Municipal do Concello de Oroso acordou por unanimidade instar ao Ministerio de Fomento a solucionar dunha vez por todas os problemas burocráticos que motivaron a paralización das obras de construción do enlace sur da AP-9 dende o pasado mes de outubro, que proceda a construír de forma inmediata a ponte sobre a N-550 para que os vehículos procedentes de Santiago poidan saír en Sigüeiro e a rematar as obras do enlace, dando así solución aos problemas de seguridade viaria existentes na zona e poñendo fin a meses de molestias inxustificadas para os veciños e veciñas da zona.

Un acordo que se produce a raíz dunha moción do grupo municipal socialista, cuxo voceiro, Antonio Leira, asegurou que “esta situación está causando graves prexuízos aos veciños e veciñas de Oroso. En primeiro lugar, aos veciños do Alto de Vilanova, os máis cercanos ás obras, que están vendo como teñen serias dificultades para acceder ás súas vivendas, tanto por cuestións de salubridade como de seguridade viaria, pois teñen que circular por unha zona en obras e con escasa ilumunicación. En segundo lugar, para os milleiros de condutores que circulan cada día por un tramo cunha sinalización provisional que polas noites non é fácil visualizar e que xa ten provocado algún que outro sinistro, afortunadamente de escasa entidade”. Ademais, indicou que “estes catro anos de continuos atrasos por parte do Goberno do Partido Popular en Madrid teñen suposto tanto unha merma na mobilidade dos veciños e veciñas de Oroso como unha perda económica para as empresas instaladas no municipio, que non poden facer uso dunha infraestrutura tan necesaria para o crecemento futuro deste municipio”.

Negación da realidade

Antonio Leira concluíu “a pesar dos intentos de negar a realidade tanto do Partido Popular de Oroso como da propia ministra de Fomento, que mesmo se comprometeu a que as obras estarían rematadas a finais de novembro de 2015, o realmente certo é que dende outubro as obras permanecen paralizadas por cuestións burocráticas do Ministerio de Fomento e as máquinas xa hai semanas que abandonaron a zona”.

O voceiro municipal do BNG, Xosé M. Pérez, apoiou “unha reivindicación xusta” para unha obra “que debería estar feita hai moito tempo”; ao igual que o voceiro de Anova, Manuel Siverio Mirás, quen asegurou que “a obra está parada porque Rajoy non lles paga ás empresas”. Pola súa banda, o voceiro do PP, Alexánder Doval, anunciou o voto favorable do seu grupo “a pesar de non estar de acordo coa introdución da moción” e asegurar que “aos veciños pouco lles importa de quen foi a culpa dos atrasos”.

Na segunda quenda de intervencións, Leira Piñeiro lembroulle ao voceiro do PP de Oroso a campaña que fixo en redes sociais e medios de comunicacións para asegurar que as obras non estaban paralizadas, polo que o acusou de ir “mentira tras mentira”. Pola súa banda, Doval Expósito afirmou: “nós dixemos o que nos dixo a delegada de Fomento en Galicia. En xaneiro ou en decembro, ao ver que estaban paradas, vin que a delegada non me dixo a verdade. Poden crerme ou non. Esa señora díxome iso. Agora non me colle o teléfono nin me contesta aos e-mails”. Finalmente, indicou que “fixen un escrito á ministra Ana Pastor dicindo o que me dixera a súa delegada en Galicia”.

O alcalde, Manuel Mirás, pechou o debate amosando a súa perplexidade por que o voceiro da oposición “diga que se enterou en decembro de que as obras estaban paralizadas cando xa o estaban dende outubro” e lle recomendou que “cando teña que falar de obras de estradas en Galicia, con quen ten que falar é con Ángel Fernández del Río, xefe da Demarcación de Estradas en Galicia”. Mirás Franqueira acusou ao voceiro popular de “vir hoxe desmentir unha mentira e contunos outra” e lamentou que tardaran máis de tres meses “en recoñecer que as obras estaban paradas. Iso demostra que non lles preocupa o dano que lles causan aos veciños esas obras, que levan un ano sufrindo esas molestias”.

Modificación do PXOM

Previamente á aprobación desta moción, o pleno municipal aprobou a modificación puntual número 10 do PXOM para dar así cumprimento a unha setenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a concentración parcelaria de Senra, Cardama e Vilarromarís. A devandita sentenza aceptaba parcialmente o recurso presentado por tres veciños pola concentración parcelaria, que cualificaba parte dos seus terreos como solo de protección forestal ou de montes, polo que esas propiedades eran destinadas a prado. A setenza do TSXG estima que eses terreos deben ser clasificados como solo de protección agropecuaria, o que obriga a modificar o PXOM orosán. A proposta foi aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG, e as 5 abstencións de PP e Anova. Unha abstención que sorprendeu ao alcalde Manuel Mirás, “pois é dar cumprimento a unha sentenza xudicial”.

Finalmente, o pleno municipal non aprobou unha moción do Partido Popular na que pedía a apertura dun expediente de investigación á nova empresa concesionaria do alumeado público polos cortes de subministro que se teñen producido nos últimos meses, así como o inicio dun expediente sancionador á empresa. Todos os grupos coincidiron en sinalar a necesidade de solventar eses cortes de luz pero tamén coincidiron en que era excesivo abrirlle dous expedientes a unha empresa que apenas leva dous meses á fronte do servizo.

Así, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Leira, indicou que “é certo que hai un problema de luz e que estamos atento a el, en contacto permanente coa empresa e podemos dicirlle que estamos moi cerquiña da solución”. Leira lamentou que o PP utilice a situación como arma arroxadiza contra o Goberno municipal e a propia empresa cando “vostede non se puxo nunca en contacto con nós. Hai unha cousa que se chama Liña Verde que, se ve unha farola apagada, faille unha foto e xa nos chega para que poidamos arranxala”.