Thursday 21 de November de 2024

Yolanda Castaño reivindica en San Sadurniño a creación feminina e a figura de Villalta


A poeta Yolanda Castaño trouxo esta mañá a San Sadurniño a charla “Muller, poeta, en galego… e polo mundo!”, na que deu conta das dificultades e prexuízos machistas que ela e outras mulleres creadoras tiveron que superar para abrirse paso no ámbito literario. Porén, Castaño -Premio Nacional de Poesía 2023- tamén aproveitou para falar de Luísa Villalta, homenaxeada este ano polas Letras Galegas. Malia seren de dúas xeracións distintas, aínda que próximas, ambas compartiron proxectos e amizade até o pasamento prematuro da autora coruñesa, descrita por Yolanda Castaño como unha muller “dunha grande paixón creativa”.
A actividade chegou á Casa da Cultura a través do programa Ler Conta Moito da Consellaría de Cultura, no que Castaño leva varios anos participando cun discurso ameno, íntimo e empoderador que ela adobía con anécdotas e poemas, coa finalidade de explicar como se arrepuxo ao patriarcado imperante nos seus comezos, hai xa tres dédadas. “Cando botamos a andar nos anos 90 había moitos atrancos, moitas suspicacias, xulgábase e cuestionábase o noso traballo, desacreditábase e frivolizábase con moita frecuencia. Pero co andar e o progreso da loita feminista, hoxe en día algunhas das cousas que nós vivimos chegarían a escandalizar”.

Yolanda Castaño tivo como público ao Club de Lectura da Bibliotecade San Sadurniño, ademais do alumnado da ESO do CPI e varias persoas que pasaron pola Casa da Cultura para escoitala falar tanto da súa traxectoria creativa persoal como da figura de Luísa Villalta, a “compañeira, colega e moitas veces confidente” con quen Castaño compartiu faceta literaria e proxectos comúns, entre eles o nacemento da Asociación de Escritores e escritoras en Lingua Galega.

Yolanda Castaño fixo unha semblanza da homenaxeada neste 17 de Maio encadrándoa nesa “eclosión de nomes femininos” que se produciu nas letras galegas a finais do século pasado, momento no que Castaño empezaba e Villalta xa estaba consagrada como poeta, ensaísta e intérprete musical.

“Era unha muller polifacética. Aínda que tiña unha vertente moi intelectual, moi racional e moi rigorosa, sentía unha paixón creativa expresada a través da linguaxe musical e outras veces do código poético, non podía refrear ese impulso creativo e dáballe saída da maneira máis excelente, era capaz de aunar o rigor da precisión coa paixón da creatividade”, comenta Castaño.

Segundo a poeta santiaguesa que estivo hoxe en San Sadurniño, o compromiso co país e coa lingua foron dúas constantes na figura de Luísa Villalta, ademais “dun dos trazos máis salientables da súa personalidade”. Segundo Yolanda Castaño, a poeta “abrazou todas as loitas desde unha indobregable militancia, sempre en favor dos menos favorecidos”.