O obxectivo do Fondo de proba de concepto é “comprobar se as ideas e a innovación que desenvolvemos neste momento en Galicia pode ter éxito empresarial e, nese caso, acompañar os investigadores ata acadalo”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe un convenio coa Fundación Barrié para a creación do Fondo autonómico de proba de concepto, que ten como obxectivo “comprobar se as ideas e a innovación que desenvolvemos neste momento en Galicia poden ter éxito empresarial e, nese caso, acompañar os investigadores ata acadalo”. Deste xeito, impúlsase que os proxectos pasen “a liña desde a Universidade á empresa” e foméntase a colaboración entre o sector público e a sociedade civil no fomento da investigación.
En virtude deste acordo, a Barrié transferiulle á Xunta a metodoloxía e a experiencia do Fondo de Ciencia, un instrumento similar do que esta institución dispón desde 2011. Agora, este “vehículo de transferencia de coñecemento” ponse ao servizo da sociedade galega e o Fondo autonómico de proba de concepto “nace sabendo xa camiñar”.
Ten tres obxectivos principais: facer máis rendible social e economicamente o investimento público e innovación, identificar de xeito rápido os proxectos con potencial innovador e facilitar a transferencia dos resultados de investigacións cara ao mercado.
Este novo fondo estará dotado inicialmente con 1.650.000 euros, unha cantidade que se poderá ver incrementada conforme se vaian sumando a el outras institucións públicas e privadas. Con estes cartos apoiaranse entre seis e dez proxectos dos centros de investigación galegos, escollidos de entre unha primeira selección de 25 investigacións. Cada un deses proxectos recibirá, de xeito estimado, entre 120.000 e 210.000 euros. Por último, establecerase un Comité de Seguimento que acompañará os primeiros pasos de cada iniciativa.
Feijóo gabou o labor da Fundación Barrié no fomento do talento, pois nos últimos 26 anos concedeu bolsas a 15.000 estudantes, algo do que “non hai precedentes” nunha institución privada galega. Ademais, o Fondo de Ciencia, que supón a orixe do Fondo autonómico de proba de concepto, impulsou a “transformación de ideas innovadoras en proxectos empresariais exitosos”.
Sólido apoio á innovación
O presidente citou tres das principais medidas coas que o Goberno galego vén apoiando a innovación. A primeira delas, o programa Oportunius, que nos permitiu facer que “en vez de que a xente con talento en Galicia busque unha oportunidade fóra, que a xente que está fóra teña unha oportunidade aquí”.
Referiuse tamén ao novo Plan de financiamento universitario 2016-2020, que supuxo “un cambio de paradigma”, pois o financiamento unido aos resultados irá collendo peso ano tras ano ata supoñer, dentro de cinco anos, o 40% dos fondos que reciben as nosas universidades. Por último, mencionou as unidades mixtas de innovación, das que se crearon xa 19 —a última delas, orientada á investigación en oncoloxía de precisión e ao desenvolvemento da biopsia líquida, o pasado luns— e ás que se destinarán 16 millóns de euros máis.
“É a primeira vez que existe unha única Axencia de Innovación no Goberno, porque sabemos que dispersar a política de innovación supón non ter éxito en ningún caso”, afirmou Feijóo. Esta aposta decidida pola innovación plásmase na Estratexia de Especialización Intelixente, á que se destinan 1.600 millóns de euros e que engloba varias medidas de innovación, e no Plan Estratéxico de Galicia que se presentou onte, que prevé duplicar o investimento público en investigación: do 0,88% do PIB a máis do 1,7%.