Thursday 21 de November de 2024

Boqueixón acollerá do 27 ao 29 de xuño unha nova edición de Galiforest, a feira forestal máis importante do noroeste peninsular


O alcalde de Boqueixón mantivo esta mañá unha reunión de coordinación do director xerente da Feira Internacional de Galicia Abanca

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, reuniuse esta mañá co director xerente da Feira Internacional de Galicia Abanca, Ricardo Durán, para preparar toda a loxística necesaria de cara á celebración da sétima edición de Galiforest Abanca, que terá lugar no Pazo de Quián (Sergude, Boqueixón) do 27 ao 29 de xuño. “Trátase dun evento que se ten consolidado en Boqueixón como o gran espazo de negocio e o punto de encontro e de referencia do sector forestal na Península Ibérica”, explica Ovidio Rodeiro.

Na reunión tratáronse aspectos de preparación do espazo expositivo, sinalización cara o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, a habilitación de prazas de aparcamento, a coordinación dos distintos equipos de traballo (Protección Civil, Bombeiros, corpos de seguridade…). Todo para que o monte boqueixonés se converta durante tres días nun punto de encontro excepcional para empresas e profesionais a todos os niveis e para todos os eslabóns da cadea monte-industria.

De feito, na súa edición de 2022 (xa que a feira ten carácter bienal), participaron un total de 371 firmas expositoras de 26 países, que ocuparon unha superficie expositiva de 13.726 metros cadrados, un 16% máis que na edición anterior. Así mesmo, Galiforest 2022 reuniu a 7.161 visitantes profesionais, na súa maior parte procedentes de España e Portugal, pero tamén con representantes de Francia e Italia.