Un camión con auto escaleira para o rescate en altura será adquirido proximamente polo Concello para mellorar os actuais servizos de seguridade cidadá e emerxencias que se prestan a través do Servizo Municipal de Emerxencias de Oleiros, para o que se destinarán 95.000 euros.
Con esta contratación, o Concello de Oleiros deixa de depender do parque comarcal de Arteixo para utilizar este importante instrumento de rescate. Ata o de agora, cando era necesario o seu uso, dependíase do criterio do parque comarcal para que se desprazase ou non, ademais da conseguinte demora polo desprazamento, que lle restaba efectividade.
Con desta adquisición, o Servizo Municipal de Emerxencias, con sede no polígono de Iñás, estará dotado de todos os elementos necesarios para atender os accidentes que poidan rexistrarse en calquera tipo de edificio, con tempos de resposta máis apropiados para conseguir o éxito dos operativos.
Conseguir un concello seguro e amable é un dos puntos cardinais da xestión municipal de Oleiros, unha chave para mellorar a calidade ambiental e humana do concello.