Friday 01 de November de 2024

As cadelas Duna e Lina visitan as escolas infantís de Oleiros


O Concello está a realizar unha actividade de sensibilización con cadelas entre o alumnado das 4 escolas infantís públicas do municipio. Trátase dunha intervención asistida dirixida a mellorar a comunicación entre os cans e os nenos e nenas.

As protagonistas son Duna e Lina, dúas fermosas cadelas a través das que os máis pequenos e pequenas aprenden como achegarse a un can, como darlles de comer, coñecen as súas partes, cepíllana, agarímana… o obxectivo é que os/as menores saiban o que deben e o que non deben facer ante un can para coñecelos, coidalos axeitadamente e evitar accidentes. Estas intervencións son programas deseñados para promover melloras na función física, social, educacional, emocional e/ou cognitiva das persoas.

A actividade realízase nas 7 aulas de 2-3 anos das escolas infantís A Braña en Mera, A Pardela nos Regos, As Galeras en Bastiagueiro e A Canteira en Perillo. Esta actividade está desenvolvida e avaliada por un equipo profesional formado por persoas expertas no ámbito da educación, da saúde e do benestar animal.