Saturday 16 de November de 2024

Medio Ambiente presenta ao panel de expertos o borrador definitivo do Catálogo das Paisaxes



A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, presidiu hoxe esta xuntanza

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou hoxe ao panel de expertos o borrador definitivo do Catálogo das paisaxes. O seguinte paso de cara a súa aprobación será iniciar o trámite de exposición pública.

A directora do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Inés Santé, presidiu esta xuntanza, na que se expuxo o resultado final dun traballo no que tivo especial relevancia a participación cidadá. En concreto, máis de 200 axentes sociais e particulares fixeron as súas achegas a través dos 12 talleres divulgativos que se realizaron por toda Galicia, coincidindo coa división da comunidade en 12 áreas paisaxísticas.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa é determinar áreas de especial interese paisaxístico que, polas súas características, merezan unha mención e protección especial.

En total, o borrador determina un total de 207 áreas de especial interese, que destacan ben sexa polo seu valor natural ou ecolóxico; cultural ou patrimonial; ou estético e panorámico

Ademais, cabe destacar que estas áreas constituirán a base do solo rústico de protección paisaxística, tal e como contempla a nova Lei do Solo, polo que terán un papel fundamental na protección da nosa paisaxe.

Para completar este traballo, o departamento autonómico xa está empezando a traballar nas Directrices de paisaxe que, xunto co Catálogo, formarán parte do Atlas da Paisaxe. Unha vez rematado, o Atlas será un importante instrumento para a protección da paisaxe galega, así como para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o noso territorio.