Thursday 21 de November de 2024

Graves incidentes nas pasadas Festas de Perillo


O PARTIDO POPULAR SOLIDARÍZASE COS VECIÑOS DA ZONA E PEDIRÁ EXPLICACIÓNS AO ALCALDE

Co precedente dos graves altercados ocorridos o pasado verán nas festas de Santa Cruz derivados da falta de efectivos policiais, desde o Partido Popular de Oleiros queremos expresar a nosa preocupación #ante a época estival á que nos aproximamos e o gran número de festexos que se celebran por todo o municipio.

A pasada fin de semana celebráronse as festas de San Cidre (San Isidro), en Perillo, e como adoita ser habitual neste tipo de eventos, rexistráronse xa os primeiros incidentes e o balance inicial resulta desalentador: unha agresión sexual sufrida por unha menor de 14 anos, que foi atendida no “punto violeta” e requiriu de asistencia da Policía Local -única patrulla presente-, unha decena de casos de intoxicación etílica entre menores de idade, principalmente, e unha pelexa entre varios grupos de mozos. A falta de medios que se destinan a este tipo de eventos resulta igual de incomprensible cando, a pesar das peticións da Comisión de Festas, o concello instala unicamente tres WC portátiles para as 3.000 persoas que se congregaron, segundo as primeiras estimacións.
“Non pode ser que ao primeiro de vez a situación repítase unha e outra vez.” -sinalou Loli Silva, portavoz municipal do PP- “Aínda que é certo que non hai que esquecer a responsabilidade de quen vende alcol aos nosos mozos menores de idade, non é menos certo que o Concello fai abandono de funcións ao autorizar festas e eventos dos que se desentende ao non garantir a seguridade necesaria para un desenvolvemento normal dos mesmos. O concello esixe ás Comisións de Festas garantías en materia de responsabilidade civil e plans de autoprotección para autorizar a celebración das festas pero é competencia municipal velar polo cumprimento das obrigacións impostas en materia de autoprotección, exercendo a inspección e o control da autoprotección.”

Loli Silva denunciou que “a pesar dos lamentables precedentes que supuxeron os altercados rexistrados nas festas do pasado verán, resulta sorprendente que o concello incumpra a legalidade e a estas alturas continúe sen planificar as festas deste verán. Proba desta falta de planificación é a presenza dunha única patrulla da Policía Local para un evento que congregou a 3.000 persoas a pasada fin de semana en Perillo. Imos esixir ao Concello as copias dos plans de prevención e de autoprotección de todos os eventos e tamén que garanta o control e a seguridade dos oleirenses e os nosos visitantes nestes festexos.”