Friday 22 de November de 2024

Neda entregará novos composteiros para estender a autoxestión da materia orgánica a máis fogares


A veciñanza con casas unifamiliares xa pode contactar co Concello para reservar o seu

O Concello de Neda pretende dar un novo impulso á compostaxe doméstica no municipio. Con este obxectivo, dende a área de Medio Ambiente inician unha nova campaña para aumentar o numero de fogares que aproveitan parte dos restos orgánicos que xeran no seu día a día. Para sumarse ao programa, a veciñanza debe apuntarse canto antes na Casa Consistorial ou chamar ao teléfono 981 38 00 39.

Seguindo a liña de anteriores convocatorias, a administración local aposta por estender a autoxestión dos biorresiduos, facilitando á veciñanza que viva en casas unifamiliares con finca ou con xardín, os medios necesarios para que poidan elaborar compost a partir de residuos das súa cociña e da horta.
Así, as persoas que soliciten adherirse ao programa medioambiental recibirán o correspondente composteiro. Será durante unha xornada divulgativa, impulsada co apoio de Sogama, prevista para o 28 de maio na pista polideportiva do Roxal, na que persoal técnico dará as claves para valorizar os restos orgánicos de forma eficaz, obtendo un abono de alta calidade que poidan utilizar como fertilizante natural.

A extensión da compostaxe contribúe, ao reciclarse en orixe restos de verduras e froitas, restos de poda, herba cortada, e outros elementos orgánicos do fogar, a reducir a cantidade de refugallos que vai parar ao contedor xenérico e axuda tamén minorar a pegada de carbono ao aforrar en trasporte á planta de tratamento.

Na actualidade, máis dun centenar de fogares da localidade colaboran xa con esta práctica sostible, que pecha o ciclo de recuperación da fracción orgánica procedente dos fogares.