Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego de socorristas


Trala aprobación das bases reguladoras do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego de socorristas, o Concello da Pobra do Caramiñal convoca as probas selectivas mediante concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal.

Os postos de traballo a cubrir son os de socorrista e persoal auxiliar de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais. Segundo o cargo, as persoas aspirantes deberán de cumprir uns requisitos mínimos.

No caso de que se queira optar a contratos supeditados á subvención da Xunta de Galicia dentro do Programa de salvamento e socorrismo, as persoas candidatas deberán estar rexistradas nas oficinas de emprego do Servizo de Emprego Público Estatal (Sepe) como demandantes de emprego para o posto de socorristas. A dita condición haberaa que cumprir no momento en que se formalice o contrato.

Para tomar parte na selección, presentarase a solicitude conforme o anexo I das bases a través do rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, no horario das 09.00 ás 14.00 horas, ou por medio da sede electrónica municipal. O prazo é de 10 días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste 15 de maio. As instancias tamén se poden entregar a través de calquera dos medios previstos na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas. Acompañando á solicitude, débense achega-las fotocopias dos documentos xustificativos.

O texto íntegro está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na mencionada sede electrónica.