Monday 02 de December de 2024

Laxe celebra o Día da Familia cun concurso de fotografía para coñecer os espazos máis acolledores do municipio


• Os orixinais poderán presentarse desde o mércores 15 de maio ata o vindeiro 22 deste mes

• As votacións faranse entre o 25 e o 28 de maio a través da páxina de Facebook municipal ou do servizo de mensaxería NovasLaxe

• Entregarase un diploma acreditativo e un vale de 100 euros para compras en comercios ou locais de hostalaría locais

Co obxectivo de conmemorar o Día da Familia, o Concello de Laxe convoca unha nova edición do certame fotográfico ‘Tempos de lecer laxeiros en familia’. Con esta iniciativa, que vai xa pola cuarta edición, busca reivindicar os diferentes tipos de familia e dar a coñecer, ao mesmo tempo, os espazos naturais, culturais e patrimoniais do municipio máis valoradas polas familias para gozar do tempo libre.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude e fotografía tomada nun espazo natural, cultural ou patrimonial de Laxe que, de maneira frecuente ou puntual, sexa elixida por eles para ocupar o seu tempo libre.

Poderase facer a partir de mañá, 15 de maio, e ata o vindeiro mércores, día 22, a través de tres modalidades: de maneira presencial nos Rexistro Xeral do Concello, de forma telemática a través da sede electrónica municipal ou por correo postal, remitindo a documentación a o Departamento de Cultura do Concello de Laxe, Avda. Cesáreo Pondal, núm. 26, 15117 Laxe, A Coruña. Neste caso, é necesario comunicar o envío da solicitude por correo electrónico a cultura@concellodelaxe.com.

Unha vez rematado o prazo de solicitudes, o sábado 25 de maio abriranse as votacións, que se poderán emitir a través das dúas canles habituais: a través de Facebook, dando ‘me gusta’ ou ‘me encanta’ na fotografía elixida; ou a través do servizo de WhatsApp municipal no 657 771 006.
Os resultados do certame, de non haber empates, situación na que se habilitaría un prazo extraordinario de votacións ata as 11:00 horas do mércores 29 de maio, daranse a coñecer o venres, día 31 de maio.

Coa meta de potenciar e apoiar ao comercio e hostalaría local, o premio outorgado consistirá na entrega dun diploma e dun vale simbólico para realizar compras e consumicións en establecementos locais por valor de 100 euros.

Benestar na familia: coidándonos en equipo!

Neste mesmo marco, e co obxectivo de fomentar o bo trato en familia e coñecer os recursos de apoio dispoñibles, o vindeiro 6 de xuño celebrarase, no CPI Cabo da Area, o obradoiro ‘Benestar na familia: coidándonos en equipo!’, dirixido a familias con menores a cargo.

As inscricións para esta actividade pódense formalizar no departamento de Servizos Sociais ou a través de teléfono, contactando co 981 706 903.

O alcalde, Francisco Charlín, subliñou “a importancia que supoñen as familias nun municipio como Laxe, onde a convivencia e o benestar social son os piares fundamentais á hora de construír un futuro mellor”.

O rexedor resaltou a importancia de “visibilizar a unidade familiar, os diferentes tipos e, sobre todo, a importancia de coidarnos e querernos nela” e animou “a toda a veciñanza a participar e darnos a coñecer os seus núcleos familiares, así como os espazos do noso Concello onde máis lles gusta pasar tempo xuntos”.