Friday 22 de November de 2024

Neda promove obradoiros sobre resolución de conflitos para o alumnado dos centros educativos


Decidiron sumarse ao programa o instituto e o CEIP de Maciñeira

O CEIP de Maciñeira e o IES Fernando Esquío serán nestas últimas semanas de curso escenario dunha serie de obradoiros sobre resolución de conflitos dende a educación emocional tanto no ámbito escolar como no familiar. A iniciativa, que hoxe arrincaba no colexio, chega no marco do “Programa de prevención de condutas aditivas no eido local”, que promoven, de forma conxunta, os concellos de Neda, Fene e Mugardos.

As actividades deséñanse pola necesidade de axudar ao alumnado a canalizar as súas emocións, ante o evidencia do aumento de conductas de risco, asociadas a un manexo inadecuado das frustracións e tamén dunha crecente normalización da agresividade e das condutas de violencia.

En total, ofértanse tres sesións para alumnado de 5º e 6º de primaria, e máis de 1º, 2º e 3º da ESO. Neles os rapaces e rapazas familiarizaranse con estratexias de regulación emocional (respiración profunda, meditación breve), practicarán a empatía mediante xogos de roles, e aprenderán técnicas de comunicación efectiva.

Estes obradoiros súmase a outras propostas socioeducativas como o ciclo de charlas “Acompañan no reto de educar” que está a impulsar a agrupación dos tres concellos citados, co apoio da Xunta. A formación en materia de resolución de conflitos ofertouse aos tres centros educativos públicos de Neda, se ben por mor da carga de traballo na recta final de curso, o CEIP San Isidro optou por non sumarse.