Poderanse facer sardiñadas e churrascadas entre o 14 e o 30 de xuño
A noite do 23 de xuño ampliarase o horario da hostalería en dúas horas e haberá un servizo especial de autobuses
O Concello da Coruña arrinca a prepación do San Xoán establecendio a regulación, un ano máis, para as actividades relacionadas coas festas. A alcaldesa, Inés Rey, fará público esta semana o bando informando das pautas que deberán seguirse para levar a cabo sardiñadas, churrascadas, barbacoas e similares, así como fogueiras durante a noite de San Xoán. Tamén inclúe información do servizo especial de transporte urbano, os cortes de tráfico no paseo marítimo e na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, así como a colocación de tres puntos violetas.
O día 23 de xuño estarán permitidas, sen necesidade de comunicación previa a Seguridade Cidadá, as sardiñadas e churrascadas, sempre e cando non ocupen a calzada nin entorpezan a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas, e entre as 20.00 e as 00.00 horas.
Haberá que cumprir unha serie de medidas de seguridade, como son a distancia entre grellas ou a elevación do chan. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o paso de peóns e peoas. As sardiñadas e churrascadas que ocupen a calzada deberán realizar unha comunicación previa cunha antelación mínima de 48 horas.
Entre o 14 e o 30 de xuño tamén se poderán levar a cabo sardiñadas, churrascadas ou similares, sempre e cando se remita unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá cun mínimo de 48 horas de antelación.
Fogueiras
Na noite do 23 de xuño estará permitida a realización de fogueiras en espazos de titularidade pública. Para isto, será necesario presentar unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá. Toda a información ao respecto estará dispoñible en coruna.gal, onde haberá un modelo de comunicación previa coas normas que cómpre seguir.
O Concello contará un ano máis con madeira para repartir entre a cidadanía na contorna do Paseo Marítimo, Oza e San Amaro. O seu reparto comezará ás 19.00 e estará permitido baixala á praia a partir das 19.30 horas do 23 de xuño.
Zonas de exclusión e limitacións nos areais
Por outra banda, o baño nas praias estará prohibido desde o día 23 ás 22.00 até as 9.00 horas do 24 de xuño. Os servizos de emerxencia poderán determinar que unha cacharela excede a altura permitida por razóns de seguridade. Isto determinarase en función da súa localización, a distancia con edificios e outros elementos da contorna. Non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles nin obxectos voluminosos, ou madeira que leve puntas ou cravos.
Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Ditas zonas son: totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.
Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores ácelebración. Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.
As praias deberán estar libres ás 6.00 horas do día 24 de xuño para que comece o operativo de limpeza. Por outra banda, con carácter xeral, autorizarase a ampliación do horario dos establecementos de ocio e hostalería en dúas horas. As persoas responsables deberán presentar unha autorización previa.
Tráfico, seguridade e transporte público
O día 23 de xuño pecharase a circulación no Paseo Marítimo, entre As Escravas e o Aquarium Finisterrae, a partir das 19.00 horas. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as celebracións. O punto de control de seguridade estará instalado na Coraza do Orzán e agrupará tanto a servizos municipais (Policía Local, Bombeiros e Protección Civil) como a Policía Nacional.
Por outra banda, establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 2.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 3.00 e as 6.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.
Puntos violeta
O Concello da Coruña habilitará un ano máis tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Estarán na zona das Escravas, fronte á Coraza e na fonte dos Surfeiros. Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual.
Con esta medida, o Concello busca favorecer o goce do San Xoán en condicións de igualdade. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 4.00 horas do 24 de xuño.