Friday 22 de November de 2024

Feijóo salienta que a aprobación do Plan Estratéxico de Galicia contribuirá a que o PIB da comunidade medre un 2,5% anual e a taxa de desemprego se reduza ata o 10% nos vindeiros cinco anos



Salienta que se trata dun documento que busca consolidar un crecemento económico sostido, con avances anuais do PIB por riba do 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata 2020 e reducir a taxa de paro ata o 10%

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a aprobación do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, axudará a consolidar a recuperación económica e a intensificar a creación de emprego a curto e medio prazo. Segundo dixo, o texto, que será agora remitido ao Parlamento, é un instrumento de planificación que aposta por un modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano.

Feijóo concretou que se trata dun documento que conta con dez obxectivos entre os que destacan: consolidar un crecemento económico sostido, con avances anuais do PIB por riba do 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata 2020 e reducir a taxa de paro ata o 10%; diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro un 35% e aumentar o uso das renovables; seguir reducindo a poboación en risco de pobreza para que Galicia siga estando mellor que a media; e gañar oito puntos de converxencia coa Unión Europea en PIB per cápita.

Son, dixo, obxectivos moi claros, ao igual que as súas prioridades que pasan por blindar o gasto social en educación e no eido sanitario, por non subir impostos, por seguir reducindo o endebedamento da Comunidade e por manter a súa solvencia e estabilidade.

Feijóo resaltou que este plan é froito dun amplo proceso de participación, que se conseguiu co envío do texto a medio millar de entidades e coa posta en marcha dunha web específica. Tamén, coa celebración de tres foros sectoriais nos que participaron máis de 200 expertos, e coa formación dun comité asesor de primeiro nivel con especialistas en todos os ámbitos.

O titular da Xunta considerou, ademais, que este plan cobra máis importancia se se teñen en conta os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre, que reflicte que Galicia pechou 2015 con 41.100 parados menos, con 32.100 ocupados máis, con máis emprego en todos os sectores e cun aumento do emprego a tempo completo do 4,8%.

O valor da estabilidade
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou que a sociedade galega atópase “nun momento crucial” e que por iso precisa “novos retos, novos referentes e novas oportunidades como país”. “Galicia ten tamén neste momento un valor moi importante, a estabilidade, e nós, como Goberno, queremos seguir blindando esa estabilidade, garantindo a planificación a medio prazo, ata o ano 2020”, sinalou.

Neste sentido, o titular de Facenda destacou que “ter estratexia supón dar certezas á cidadanía”, e que “o Goberno que planifica non improvisa”. É por iso que o feito de ter estratexia “supón achegar estabilidade á Administración e, consecuentemente, á cidadanía”, afirmou o conselleiro.