• Coa ‘Liña B’ remodelada e a piques de entrar en funcionamento, a empresa adxudicataria comeza a traballar no outro circuíto para, así, entregar a obra en xuño
A Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ou Castro xa conta con dúas filtros totalmente reparados e, por tanto, completa a rehabilitación dunha das súas liñas. A empresa adxudicataria, que retirara esta parte da instalación para cambiar os fondos ao atoparse estes xa moi desgastados, volveu colocar o pasado mércores de novo estes elementos remodelados. Tras rematar o recheo de material filtrante, a denominada como ’Liña B’ xa está só pendente do envío por parte da subministradora de pequenas pezas para completar definitivamente a súa rehabilitación e volver funcionar a pleno rendemento.
Este é o primeiro paso para concretar unha reforma integral da depuradora que abastece ás parroquias de Cariño e A Pedra e sofre unha remodelación importante despois de lustros. Agora, os traballos comezan no segundo dos circuítos, denominado tecnicamente ‘Liña A’. Neste caso, as accións non requirirán o traslado dos filtros, polo que o tipo de traballos cristalizarán nunha actuación máis curta. Así, prevese que a obra estea entregada finalmente durante o mes xuño.
Deste xeito, a notable mellora na calidade da auga é cada vez máis evidente e real. Aínda que parte de culpa tívoa o purgado do circuíto que o Concello de Cariño realizou a maiores o pasado mes de marzo. Foi tras a detección de trihalometanos na toma da gasolineira e por recomendación dos técnicos municipais, que sospeitaban dunha posible acumulación destes compostos nun dos ‘cóbados’. “Xa se notou para ben e agora que se pon en marcha o primeiro dos circuítos esperamos que as restricións sexan moito menos recorrentes”, apunta a alcaldesa, Ana María López.
Así, Cariño achégase ao final dunha actuación tan demandada como necesaria que, finalmente, foi financiada practicamente na súa totalidade por Augas de Galicia grazas ao convenio de colaboración asinado polo executivo local. “Era unha actuación fundamental e estamos preto de poder completala na súa totalidade. Ademais, aforrando 96.000 euros que estaba previsto que fosen financiados polas arcas municipais”, expresa a rexedora.