Friday 22 de November de 2024

A Coruña avanza na integración dos animais de compañía pasando a contar con sete zonas de uso compartido entre a cidadanía e os cans


Inés Rey: “O noso obxectivo é que cada veciño e veciña da Coruña conte cunha área canina ou zona de convivencia a menos de quince minutos a pé”

As zonas de esparexemento serán as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, a Cala de Bens, o parque de Oza, a zona da Torre polo lateral próximo ao cárcere e tamén os xardíns da Maestranza, ademais dos parques de Adolfo Suárez e Bens, onde xa se localizaban dúas das cinco áreas caninas

Serán espazos de libre circulación dos cans, sen correa baixo a supervisión e responsabilidade dos seus donos e donas, delimitadas mediante sinalización vertical con horario de 20.00 horas ás 8.00 horas en inverno e dende as 22.00 a 8.00 horas en verán

En canto aos areais, a Cala de Bens permanecerá aberta as 24 horas durante todo o ano e nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro as 24 horas só de outubro a maio, fóra da época estival

O Concello da Coruña da un paso máis na integración dos animais de compañía na cidade, pasando a contar con sete zonas de uso compartido entre a cidadanía e os cans. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá as novidades, acompañada de Noemí Díaz, concelleira de Medio Ambiente, e Samuel Rodríguez, persoa usuaria e activista polos dereitos dos animais. A alcaldesa agradeceulle o traballo conxunto e a colaboración para a ampliación da rede de áreas de convivencia.

Segundo datos do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía, A Coruña é a cidade da provincia con máis cans censados. Preto de 32.000 cans en total. “O mundo evoluciona e a cidade tamén e o noso deber como administración pública é a de saber adaptarnos aos novos tempos e dar resposta á realidade das familias coruñesas” sinalou Rey.

As sete zonas de esparexemento serán as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, a Cala de Bens, o parque de Oza, a zona da Torre polo lateral próximo ao cárcere e os xardíns da Maestranza, ademais dos parques de Adolfo Suárez e Bens, onde xa se localizaban dúas das cinco áreas caninas. “O noso obxectivo é que cada veciño e veciña da Coruña conte cunha área canina ou zona de convivencia a menos de quince minutos a pé” sinalou a alcaldesa.

Serán espazos de libre circulación dos cans, sen correa baixo a supervisión e responsabilidade dos seus donos e donas, conforme ao previsto na normativa vixente, con excepción dos cans calificados como potencialmente perigosos que deberán permanecer con correa non extensible e buceira homologada, adecuada á súa especie.

As zonas estarán delimitadas mediante sinalización vertical, onde constarán os horarios: das 20.00 horas ás 8.00 horas en inverno e dende as 22.00 a 8.00 horas en verán. En canto á Cala de Bens, os cans poderán circular libremente as 24 horas durante todo o ano así como nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro entre os meses de outubro a maio, fóra da época estival. “Marcamos estes horarios atendendo aos hábitos e usos dos cidadáns da Coruña, dende a prática deportiva á presenza de menores, favorecendo a correcta convivencia nos espazos públicos”.

A Coruña contaba xa cun total de cinco áreas caninas na cidade repartidas en diferentes barrios: Parque de Santa Margarida, Parque Adolfo Suárez, Parque de Bens, Parque de Eirís e Novo Mesoiro. En total, case unha superficie estimada de 16.500 m2, á que se suma a Cala de Bens, praia canina dende o pasado ano 2023 logo da modificación da Ordenanza de Animais. En total, coas sete zonas incluidas, A Coruña pasará a contar con 370.000 m2 de zonas de esparexemento. “O noso obxectivo é seguir traballando nesa liña, adaptando a cidade aos novos tempos. Esperamos que as familias coruñesas que teñan animais de compañía reciban esta nova medida con agrado e como mostra do compromiso deste Goberno por seguir avanzando no benestar e convivencia dos animais da cidade.

Ademais, colocarase de xeito progresivo en zonas de convivencia e áreas caninas contedores específicos para a recollida de excrementos como materia orgánica. Actualmente, no Parque de Bens instaláronse tres illas de contedores a modo de cubos e estase estudando a súa posible ampliación a unha illa máis.