Friday 22 de November de 2024

A axenda do Maio das Letras Galegas 2024 chega ao seu ecuador na Pobra con tres novas actividades


Unha presentación literaria, unha feira e xogos populares son as tres actividades que se desenvolverán ao longo desta semana ao abeiro da axenda do Maio das Letras Galegas de 2024 impulsada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.

A edil desta área, Patricia Lojo, precisa que con estas propostas se chega ao ecuador dunha axenda que destaca pola oferta cultural ampla e heteroxénea para conmemora-lo Día das Letras Galegas e poñe-lo acento na poeta Luísa Villalta, homenaxeada neste 2024.

Esperanza Mariño presentará o seu libro As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta. Será no xoves, 16, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Participarán, ademais da propia autora, a concelleira da Cultura; Xesús Laíño, da A. C. Barbantia; e Belén López, editora. Haberá unha conferencia. Repartiranse exemplares como agasallo ata esgota-las existencias.

Xa no propio venres 17, Día das Letras Galegas, O Cantón da Leña será epicentro da Feira do 17. Haberá animación de rúa con Trécola, a partir das 11.30 horas, para proceder, arredor das 12.00 horas, coa apertura da feira con postos de restauración, unha polbeira, artesanía, obradoiros infantís e xogos populares. As actuacións de música e baile tradicional comezarán a partir das 12.30 horas con Arrancadeira, Caramiñas, Eiradela, Trécola e Xiada. E Tanto Nos Ten animará o ambiente a partir das 13.30 horas.

A maiores, no sábado, 18, das 17.00 ás 20.00 horas, o parque do Castelo converterase nun particular campo de xogos populares a cargo de Somos Enredos. Está aberto a tódalas crianzas que queiran sumarse.