O Concello de Neda organiza o vindeiro luns, a partir das 13.30 horas, na Casa da Cultura unha charla divulgativa destinada a aclarar a batería de obrigas derivadas da actual lexislación galega de espectáculos públicos e actividades recreativas. Co verán á volta da esquina, a sesión informativa, aberta ao conxunto da cidadanía, vai especialmente dirixida a persoas que integran as comisións de festas.
O secretario municipal de Neda, Alejandro Antelo, premio Colmeiro da EGAP pola súa análise da normativa que rexe os espectáculos públicos (Las verbenas populares en Galicia: régimen de intervención municipal), e máis o arquitecto municipal, Francisco Cernadas serán os encargados de desentrañar os aspectos máis relevantes da actual regulación. Deteranse ademais nas novidades que trouxo a entrada en vigor, a comezos do pasado ano, do decreto que desenvolve a lei autonómica sobre a materia.
A norma autonómica incide especialmente nas cuestións que atinxen á seguridade dos eventos, establecendo, por exemplo, a obriga de contar cun seguro de responsabilidade civil para a celebración das verbenas populares. Detalla ademais a documentación e os requirimentos técnicos que deben cumprir as instalacións portátiles e desmontable e ás atraccións itinerantes de feira.
A través desta charla, o Concello de Neda busca axudar ás comisións de festa do municipio e do resto da comarca, apostando pola pedagoxía nun ámbito que resulta fundamental para a seguridade da poboación.