Thursday 21 de November de 2024

Dobre cita coa ximnasia artística esta fin de semana en Fene


O pavillón da Xunqueira (San Valentín) acollerá esta fin de semana o Campionato Galego Open Base e Vía Olímpica de ximnasia artística feminina e a fase final da Liga Escolar de ximnasia artística feminina e masculina, organizados pola Federación Galega de Ximnasia Artística coa colaboración do Club Ximnasia Artística Ferrolterra, de Fene. Perto de trescentas/os ximnastas tomarán parte na competición (cento noventa no Open Base e Vía Olímpica e oitenta e oito na fase final da Liga Escolar) dun total de cinco clubs: o Terra Sports Academy, o Ximnasia Coruña, o Bayosil, o Real Grupo de Cultura Covadonga e o anfitrión, o club e escola Ximnasia Artística Ferrolterra.

Na xornada do sábado competirán en horario de mañá as/os ximnastas das categorías E1, E2-2015, E2-2016, E3-2013, E3-2014, E4-2011, E4-2012, E5, de ximnasia artística feminina; e E1 e E2, de ximnasia artística masculina (1ª división). E nunha segunda quenda as/os de base 3 maiores, base 4 maiores e base 6 maiores, de XAF, e E3 e E4, de XAM (2ª división). O desfile final e a entrega de premios será ao redor das 13.40 horas.

Pola tarde, tamén o sábado, competirán as ximnastas das categorías Base 8, 9, 10 e Vía Olímpica XAF (3ª división) e, nunha segunda quenda, as de Base 1 e 2 XAF (4ª división). O desfile final e a entrega de premios están previstos para as 20.30 horas.

E o domingo, en horario de mañá, será o turno das ximnastas que compiten en Base 5 e 6 XAF (5ª división) e, na segunda quenda, das de Base 3 e 4 (6ª división). A entrega de premios individuais e por equipo será ás 13.40 horas.