· A apelación do Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia foi desestimada, do mesmo xeito que o recurso contencioso – administrativo, outorgándolle validez á proposta de servizos mínimos proposta polo Consorcio durante a folga de bombeiros.
· Tamén se recoñece a competencia da presidencia do consorcio para a fixación de dito decreto.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou a sentenza na que se desestima o contencioso administrativo interposto polo Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia contra o Decreto do Consorcio no que se fixaban os servizos mínimos durante a folga dos bombeiros dos parques comarcais.
Deste xeito, o fallo xudicial dálle validez á proposta feita pola entidade de salvamento na que se fixaba a conformación de 5 quendas de 3 efectivos, un xefe de quenda e dúas persoas con funcións de bombeiro/condutor, que darían cobertura as 24 horas dos sete días da semana, quedando dous efectivos libres, sendo esta a dotación mínima que se da en calquera das gardas ordinarias ao longo do ano, resolvéndose coa mesma a inmensa maioría de actuacións tal e como o demostran as memorias de actividades.
Dita proposta foi deseñada para nove parques comarcais a excepción do de Ribeira, onde se estipulaban dous efectivos; un xefe de quenda-condutor e un bombeiro-condutor.
Así, desestimase a demanda sindical na que se demandaba que os servizos mínimos estiveran conformados por cinco profesionais, un cabo e catro bombeiros.
Ademais, tamén se recoñece a lexitimidade do Consorcio como entidade local dotada de personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos seus fins específicos, polo que a figura do presidente do Consorcio é plenamente competente para o ditado do decreto de fixación de servizos mínimos.