Friday 22 de November de 2024

O Concello licita por 32.000 euros o servizo de limpeza de praias durante o verán


· A empresa adxudicataria traballará durante a temporada estival en 16 areais do municipio e nos accesos aos mesmos.

· Entre as tarefas a realizar atópase o cribado da area, a limpeza dos baños ou a retirada do material alleo como plásticos, papeis, desperdicios…

O Concello de Camariñas ven de sacar a licitación, cun orzamento de 32.281,58 euros e a través dunha subvención da Deputación da Coruña, o contrato para levar a cabo o servizo de limpeza de praias durante o verán. O prazo para presentar ofertas no perfil do contratante municipal remata o 24 de maio.

A empresa adxudicataria será a encargada de manter en óptimas condicións as seguintes praias e os accesos ás mesmas: praia de Camelle, praia de Arou, praia de Lobeiras, praia de Santa Mariña, praia de Trece, praia de Area Grande e Area Pequena, praia de Area Longa, praia de Balea, praia de Lago, praia de Area da Vila, praia de Lingude, praia de Ariña Branca, praia de Rego dos Coiros, praia do Ariño e praia da Paxariña.

Os traballos consisten na retirada de todo o material alleo á area, incluíndo tamén a limpeza de mobiliario. As tarefas a realizar serán: cribado da area; retirada de todo o material alleo como plásticos, papeis, desperdicios, ou cabichas de tabaco; limpeza dos baños; e a limpeza dos accesos, dos aparcamentos e dos merendeiros.

O contrato comezará o 1 de xuño e rematará o 15 de setembro, podendo ser prorrogado por un ano.