As achegas poderanse rexistrar nas dependencias municipais ou ben a través da sede electrónica ata finais do mes de febreiro. Este xeito de proceder acordouse en pleno o pasado novembro por petición do BNG
O Concello de Ordes vén de abrir o prazo para a presentación de ideas de cara á remodelación do parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente e do seu contorno. As propostas presentadas polas persoas interesadas deberán entregarse no Rexistro xeral do Concello de 9 a 14 horas, ou ben a través da sede electrónica https://sede.concellodeordes.com. En ambos os casos o prazo rematará o vindeiro 29 de febreiro. Para consultar o plano que delimita a zona de intervención pódese facer a través da páxina web municipal www.ordes.gal.
Este xeito de proceder foi aprobado no pleno que tivo lugar o pasado mes de novembro de 2015 en base a unha moción presentada polo BNG. Nela demandábase un mellor aproveitamento e acondicionamento desta área tan importante para a vila. No texto os nacionalistas demandaban a supresión da rúa que leva o mesmo nome para unir os dous parques situados nesta área, a construción de novos baños, o ensanchado de beirarrúas, ademais doutros cambios na circulación do tráfico.