Ao redor 50 veciños e veciñas sumáronse este domingo pola mañá á andaina saudable, organizada polo Concello de Neda, por terras de Viladonelle e de Anca. O bo tempo contribuíu ao éxito desta iniciativa, impulsada para favorecer a actividade física da poboación.
A diferencia dos itinerarios realizados con anterioridade, este percorrido presentaba unha dificultade media – alta. En total, foron algo máis de sete quilómetros, marcados por frecuentes subidas e baixadas.
Así, os camiñantes saíron do local social de Viladonelle ao que recuncaron, tras visitar a igrexa de Santo André e pasar por lugares das dúas parroquias interiores de Neda como Cheda, Vilar ao A Lobeira, onde fixeron un parón para coller folgos.
O Concello, que ten previsto desenvolver unha nova andaina no mes de xuño, contou nesta actividade co apoio da SCD Roxal e da Asociación de veciños San Palaio do Roxal. Colaboraron tamén, como vén sendo habitual, efectivos da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda.