A xornada comezou ás 10.00 horas coa saída das e dos inscritos en categoría absoluta, que completaron un percorrido de case 6,5 quilómetros a través da estrada de Visma a Mazaído e o parque de Bens
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregar os premios ás e aos vencedores da proba
Máis de 1.000 corredores e corredora chegaron este domingo á liña de meta da Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma, a terceira proba deportiva incluída nesta edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, asistiu á saída da proba, que arrincou ás 10.00 horas coa saída das e dos inscritos na categoría absoluta. Facundo Médard e Rebeca Soto foron os gañadores da proba absoluta, seguidos de Nuno Moure e Abdelaziz Faitihi e Adriana Modia e María Isabel González respectivamente.
O percorrido, de 6.490 metros, comezou no cruzamento entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón, moi preto do centro cívico municipal, e continuou en sentido de subida pola estrada que conecta Visma e Mazaído, para adentrarse, xa no segundo sector do trazado, nas sendas do interior do parque de Bens, alternando treitos de terra e asfalto. A volta tamén se levou a cabo pola estrada que bordea o parque, xa en sentido de baixada en dirección a San Pedro de Visma, un camiño que bordea puntos como o miradoiro de Bens.
Xa entre as 11.15 e 12.30 foron saíndo, progresivamente, as e os participantes en categorías inferiores sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques, que completaron percorridos de entre 2.300 e 110 metros en función da súa franxa de idade. Os resultados poden consultarse na web do Coruña Corre.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, tamén participou no acto de entrega de premios ás e aos deportistas gañadores da xornada, e animou ás coruñesas e coruñeses a participar nas vindeiras citas do circuíto Coruña Corre, destacando o apoio e compromiso do Goberno de Inés Rey para reforzar a posición da Coruña como unha cidade modelo no referente á promoción da actividade deportiva e os hábitos saudables.
A próxima cita do circuíto Coruña Corre, no barrio dos Rosales
Tras a Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma, a XI edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre volverá á actividade a inicios do próximo mes. Será o domingo 2 de xuño, co desenvolvemento da carreira dos Rosales, a cuarta cita do calendario.
O Concello habilitará proximamente a inscrición na proba, que partirá ás 10.00 horas desde a rúa Manuel Azaña. Os diversos percorridos previstos tanto en categoría absoluta como en categorías inferiores poderán consultarse nas vindeiras semanas a través desta ligazón.