A alcaldesa recibiu en María Pita á directiva, corpo técnico e cadro de xogadores do club, que acadou onte en Melilla o ascenso á máxima categoría, devolvendo a cidade á elite do baloncesto nacional case seis décadas despois
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita á directiva, corpo técnico e cadro de xogadores do Leyma Básquet Coruña, que acadou onte en Melilla o seu ascenso á Liga ACB, máxima categoría do baloncesto nacional, devolvendo así a cidade á élite desta disciplina case seis décadas despois. No acto de recepción ao Leyma Básquet Coruña, a rexedora estivo acompañada pola corporación.
“Sodes os herdeiros daquel Bosco do ano 1968, o primeiro equipo galego que asomou a cabeza na primeira división do baloncesto. E agora, vós colledes o seu testemuño para ser os embaixadores da Coruña na ACB”, dixo Rey, que felicitou o equipo “por un logro histórico, que pon o peche a unha magnífica tempada, na que o Leyma Básquet Coruña fixo vibrar a cidade co seu xogo e ganas de competir estivese quen estivese en fronte”.
Ao longo deste curso, o conxunto adestrado por Diego Epifanio non só acadou o ascenso á Liga ACB, senón que tamén se clasificou para a Copa Princesa por primera vez na súa historia, acadando o subcampionato ante o Estudiantes.
“Nada disto é casualidade. É traballo, cociñado a fogo lento, coa convicción de que na Coruña hai devoción polo baloncesto e tamén unha semente de futuro, porque na canteira do club hai máis de 800 pequenas e pequenos entre as diversas categorías nas que compite, todo un tesouro que coidar e que teñen no primeiro equipo uns referentes nos que inspirarse”, expuxo.
A alcaldesa destacou “a proximidade e a familiaridade do club” como dous dos valores principais do Leyma Básquet Coruña, “unha identidade que é, en definitiva, a da nosa cidade e a nosa xente”. No acto de recepción, Rey apuntou tamén ao progresivo aumento da masa social do club, unha cuestión clave de cara á vindeira tempada na ACB, “na que traballaremos de forma conxunta coa entidade para darlle resposta ás necesidades do club nesta nova etapa na máxima categoría”.