Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente inicia o proceso de información pública para a declaración de espazo de interese local dunha zona do Tío Abelleira no concello de Carral


O ámbito que se pretende catalogar como ENIL localízase entre as parroquias de Santa Mariña de Beira e Santiago de Sumio, e suma case 17 hectáreas

O Diario Oficial de Galicia publica (http://bit.ly/1npR8U0) a resolución pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local (ENIL) da zona denominada Río Abelleira, no Concello de Carral.

O ámbito sobre o que se pretende a declaración localízase nas parroquias de Santa Mariña de Beira e Santiago de Sumio no municipio de Carral; comprende o Castro das Travesas, o Dominio Público Hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira, nomeado tamén como Rego do Batán, ata a confluencia co río Barcés, e máis algúns enclaves adxacentes ao rego.

En canto aos valores que motivan a declaración, este espazo caracterízase pola presenza ao longo do río Abelleira dunha franxa de bosque de ribeira ben conservado coas súas especies típicas, como ameneiros, freixos e bidueiros. Tamén se atopan exemplares de castiñeiros e sobreiras de máis de 100 anos, elementos patrimoniais de interese como o conxunto hidráulico formado por trece muíños e restos arqueolóxico como o Castro das Travesas, que lle confiren á zona importancia adicional desde o punto de vista do patrimonio arqueolóxico e cultural e constitúen un conxunto, de case 17 hectáreas (ha), cunha singularidade cultural e natural propia.

Así, durante un período de 20 días os interesados poderán achegar as alegacións que consideren oportunas mediante un escrito dirixido ao enderezo postal Dirección Xeral de Conservación da Natureza (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben ao enderezo electrónico planificacion.conservacion@xunta.es, poñendo no asunto ENIL Río Abelleira.

A figura do ENIL
A Lei de conservación da natureza (Lei 9/2001, o 21 de agosto) define os espazos naturais protexidos como aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debido á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O artigo 17 da lei establece que, por petición dun concello e tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

O espazo natural de interese local (ENIL) é unha das categorías en que se clasifican estes espazos naturais protexidos. A súa declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente, mentres que a xestión é responsabilidade municipal.