A actuación celebrarase no Palacio da Ópera e as entradas están á venda a través de Ataquilla a un prezo de 12 euros máis gastos
O lendario grupo de folk galego Milladoiro celebra este 2024 o seu 45º aniversario cun concerto especial na Coruña. O evento terá lugar o vindeiro domingo 19 de maio no Palacio da Ópera e as entradas xa están á venda en Ataquilla a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión.
A actuación conmemora o primeiro concerto da formación, que tivo lugar o 15 de maio de 1979 no Auditorio dos Salesianos e estivo organizado polo Ateneo. 45 anos despois ofrecen un recital especial cun repertorio único e cheo de sorpresas, que non podería ter mellor localización que a cidade que os viu nacer. A banda, formada actualmente por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro.
A banda recibiu recoñecementos senlleiros como o Pedrón de Ouro, concedido polo Padroado Rosalía de Castro no ano 1985, o premio Goya á mellor banda sonora orixinal, por “La Mitad del Cielo” en 1986; o premio da Música concedido pola SGAE e AIE; a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004); e a Medalla de Ouro de Galicia (2012). Entre os escenarios que visitou a banda ao longo dos anos destacan a Cathedral of St. John the Divine de Nova York, a Casa Internacional da Música de Moscú, ou o Ryutsu Center de Tokio, entre outros moitos.
Este concerto súmase a outras citas programadas polo Goberno de Inés Rey como o ciclo Folk no Colón ou o concerto de fin de xira das Tanxugueiras no Coliseum, apostando pola música galega. As entradas, dende 12 euros máis gastos de xestión, poderán mercarse a través de Ataquilla ou no despacho de billetes da Praza de Ourense.